domingo, 2 de xuño de 2013

Toponimia de Ourol



Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 

Esperamos que poida ser de utilidade para o que sinta curiosidade por un tema que nos amosa unha pequena vista á nosa historia, aos que pasaron por estas terrras e lles deron nome. 

Non é unha lista exhaustiva, omitimos todos aqueles con significado transparente. 
É unha páxina viva: irá medrando conforme vaiamos tendo tempo.

___________________________________________________________

A BARCIA (Bravos)
Unha barcia é un terreo chan e cultivado, ou por veces a campo, xeralmente ao pé dun río (cf. aquí).  Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo próximo a río" (cf. aquí), e despois significou "terra próxima a río e que se inunda". Descoñecemos este caso concreto.

Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.

A BITORNA (Ourol -lugar de Cernado)
O termo "bitorna" posiblemente sexa composto de "torna", con "torna" no sentido de "espita", 'caño'. Hai varias "fonte da bitorna" que parecen encaixar e confirmar este significado.
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

A BÓVEDA (Miñotos)
Etimoloxía incerta, talvez do latín *Uoluitam, "volta", ou dun xermánico *boww- "granxa, edificio".
Coromines derivábaas de dun xermánico *buwitha, e este de *buwan "construír, morar". 
Cf. aquí.

A CADAVOSA (Merille)
Lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". Cf. aquí.

A CAMBARETA (Ourol)
Termo derivado de "cámbara",  de orixe prerromana, e inclúe a raíz *camb- "curvo, combo" e os sufixos -ara  e -eta. O sufixo -ara está presente en palabras de orixe prerromana tais como gándara, Támara, etc.
Existe o topónimo relacionado "Cámbara" en Xove (en Xuances e en Portocelo).

A CAMPOSA (Ourol)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).

A CARCALLOSA (Ambosores)
Posiblemente rotacismo por "cascallosa", lugar onde abunda o cascallo ou pedregullo.

A CASILLA (Ourol -lugar de Requeixo)
O nome "casilla",  é un castelanismo por "caseta",  "garita". Este termo foi introducido a partir do século XIX para designar as vivendas destinadas aos camiñeiros, encargados da conservación das estradas.
Construídas en todas as estradas principais, as "casillas" foron postas en funcionamento coa Real Orde de 26 de febreiro de 1852. 
É un topónimo moi extendido en Galiza, e que, en moitos dos casos,  tamén parece indicar a existencia dun dolmen, "forno dos mouros".

A CERNADA (O Sisto)
O termo "cernada" vén do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DDD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de roza: facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (cf. Vicente Risco, "Terra de Melide").

A CEREIXIÑA (Ambosores)
Este topónimo trátase posibelmente dun hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.
Neste caso,  o termo "Cereixiña" non parece relacionado co nome común "cereixa", con pouco sentido para un topónimo.  En efecto, este topónimo foi incluído polo filólogo E. Bascuas no conxunto de topónimos "Cereixa" e "Cereixiña" con orixe nunha forma prerromana paleoeuropea, cun significado de "escuro", derivado dunha das raíces indoeuropeas *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *ker- 'de cor escura, suxo, gris'. Cf. p. 297 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.
Existe tamén unha "Veiga da Cereixa" en Muras e unha "Fonte da Cereixa" en Xermade.

A CHAVE (Ourol)
Probabelmente relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un "recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados" (cf. Elucidário). 

A CONGOSTRA (Ourol)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode tamén ser sinónimo de "corgo", córrego. 
A palabra vén do latín congusta 'estreita'. Cfaquí.

A CURUXEIRA (Ourol)
Unha "curuxeira" designa, metafóricamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. aquí.

A ESTOXADA (Ourol - lugar de Cernado)
Posiblemente derivaría de "estoxar", "aborrecer, anoxar", indicando un calificativo da terra ou un alcume de antiga propietaria. 
Alternativamente, podería ser de "terra estoxada", á que se lle sacaron os toxos para labrala.

A FLEIRA (Ourol)
Posiblemente de "feleira". O termo "feleira" ten varios significados (cf. aquí):
  • O fel, o saco do fel
  • Dano
A FURADA DOS AMERILLÓS (Ourol)
O termo "Amerillós" é de significado e orixe incerta.
Podería vir dun termo paleoeuropeo relacionado co tema *am-ar-, da raíz indoeuropea *am- "canle", frecuente en hidrónimos. Estaría relacionado co topónimo Ameroce (Celanova), documentado en 955 como Ameroz Ameroci.

A INSUA (Ourol)
Do latín insula. Refere xeralmente a un lugar aillado (total ou parcialmente) polas augas, xeralmente dun río. Nese contexto, por veces designa terras entre dous ríos.

A LAGOA (Bravos)
Do latin lacuna 'concavidade'. É interesante notar que, nese senso de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.

As primeiras mencións destas construcións rexístranse na Idade Media : "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).

A LEBORADA (Merille)
Referido a lugar onde abundaban as lebres ou coellos.

A MEÁ (Ourol)
Posiblemente de (uilla) mediana, 'vila do medio', situada equidistante a algo.
Cabeza Quiles tamén propón a interpretación de "(uilla) mediana" como "Vila de Medius", dun posuidor chamado Medius, aínda que non o considera moi probábel.

A VERDELLA (Ourol -lugar de Requeixo)
Posiblemente de "a (terra) verdella", terra de cor que tira a verde.

A PANDA
 (San Pantaleón de Cabanas)
Unha "panda" é un terreo combado ("pandado").

A PEDRA CHANTADA (Ourol)
Este topónimo, de significado transparente, o mesmo que "pedra fita" ou "parafita", podería indicar a antiga localización dun marco medieval ou incluso dun menhir.

A PÍA VELLA (San Pantaleón de Cabanas - lugar de Arrexoá)
Neste caso, "pía" proviría de 'peza de pedra cóncava onde cae ou se bota auga'. 
Tamén se lles chama ás que hai nas igrexas para o batismo.

A PICHEIRA
 (San Pantaleón de Cabanas, Ourol)
Coidamos que o significado é o de "cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistran esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o líquido das cubas de viño.
É preciso confirmar localmente a existencia de tal fervenza.

A REGA (O Sisto)
Unha "rega" é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de duas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. aquí). Sería por tanto un "pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea" *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", cf. Edelmiro Bascuas aquí.

A REVOLTA DAS LAREIRAS 
(Ourol)
O termo "revolta" refere unha curva de río ou camiño. Cf. aquí. Tamén ten esta acepción en portugués. Cf. aquí

A SENRA (Merille)
Unha "senra" ou "seara" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada da forma pre-céltica sénara.

A TORRE (San Pantaleón de Cabanas)
O termo "torre" nestes topónimos xeralmente non se refere estritamente a torres, senón a casas fidalgas ou a casas grandes, de labradores ricos.

ABELEDO (Ourol )
Terreo onde abundan as abeleiras.

ABRÓTIGAS (Ourol)
Unha "abrotia", "abrótiga" ou "abrótega" é unha "planta herbácea medicinal e   ornamental, da familia das liliáceas".

AMBOSORES (Ambosores)
O termo "Ambosores" indicaría, tal como aparenta, un lugar situado na confluencia dos dous Sor. 
Contodo, non está realmente situado na confluencia.  E. Bascuas  postula unha orixe en *Ambas-Sor ("río Sor"), co termo prelatino *ambas, co significado de "augas". Para o topónimo "Sor", ver a entrada Río Sor.

ANXERIZ (Xerdiz) 
De (uilla) Anserici, forma en xentivo de Ansericus, nome de orixe xermánica, referindo ao nome do antigo posidor da uilla ("explotación agrícola").

ARREXOÁ (San Pantaleón de Cabanas - lugar de Arrexoá)
Significado e orixe incertas.
E. Bascuas analizou este topónimo, suxerindo unha orixe en *Arra-solana, onde o termo  "arra" sería un hidrónimo correspondente co tema paleoeuropeo (é dicir, pre-celta) *ar-r-, derivado da raíz indoeuropea *er- "moverse". Cf. p. 63 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Deste xeito, tería relación co apelativo galego "arró" ("cómaro, ribazo á beira do río").
Alternativamente, tendo en conta a terminación -á, e correspondendo o topónimo cunha entidade de poboación, podemos aventurar unha orixe en *(uilla) Arisionana, dun posuidor de nome Arisius ou derivado Arisionus, ou ben *(uilla) Argiu(l)ana, dun posuidor de nome Argio ou Argiulus.

A priori, parecería descartada unha orixe en "A eirexoa", do latín ecclesiola, "ermida, igrexa pequena": nesta zona de Galiza o diminutivo latino -ola derivou para -oa, non a -oá. No entanto,  isto non é tan claro cando reparamos na toponimia da Mariña: puntualiza Carolina Pérez Capelo que  "aínda que na Mariña lucense non é onde se localiza a principal concentración de topónimos en -oá (< ŏla), mais nesa área rexístranse tamén As Moás en Foz, Airoá e posiblemente Amoá no Vicedo, así como "teiroá" no léxico común...". (cf.  Carolina Pérez Capelo "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá". 2015).
Sexa como for, existen outros "Arrexoá" en Ribadeo e Portomarín, e varios "Arexa" e "Arexo", talvez relacionados.

Por outro lado, podería estar relacionado co frecuente topónimo "Arroxa", que o dicionario define como "pedazo de monte queimado". 
Hai tamén varios topónimos "A Rexoa" en Galiza e na zona asturiana de fala galega. Porén, estes non encaixarían na hipótese de Bascuas de proceder dunha terminación -olana.

No ano 1785 está atestado o "Foxo da Rexoá", ao pé do regato da "Rexoá" construído na parroquia de San Pantaón de Cabanas (Ourol), un foxo converxente de pedra e madeira (cf. J. P. Torrente "Osos y otras fieras en el pasado en Asturias". 1999).

AS ABELLEIRAS (Ourol - lugar de Cernado)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Portanto, "As Abelleiras" indicaría "lugar onde hai colocadas colmeas".
Alternativamente, "abelleira" tamén podería referir  tamén á "herba abelleira" (Melissa oficinalis), aínda que non cremos que sexa o caso, senón probablemente tivese un sufixo abundancial.

AS ACEAS (Ourol)
Muíño fariñeiro. Diferénciase a "acea" do "muíño" en que a acea é movida por unha gran roda hidráulica colocada verticalmente, na corrente do río, en canto que o muíño é movido  por medio do rodicio, o cal é colocado horizontalmente.

AS ESQUEIRAS (San Pantaleón de Cabanas)
As "escadas", por veces "esqueira" refere a "escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos mesmos comareiros. Cf. aquí.

AS FIOSAS (Ourol)
O nome "fiosa" pode ter dúas acepcións, segundo fose o lugar:
  • de "feosa", o mesmo que  "feal", lugar onde abunda o "feo" (cast. heno), ás veces coincidente cun prado. (cf. aquí).
  • Lugar resguardado, cerca das cimas. Cf. aquí.
AS FULGUEIRÁS (Ourol)
Plural de "fulgueiral", lugar onde abundan os felgos.

AS GORPILLEIRAS (Ourol)
De "golpilleira". Unha "golpilleira" é un covil de golpes ("raposos").

AS INSUAS (Ourol)
Ver "A Insua".

AS MALATAS (Ourol)
O nome "malata" é sinónimo de "enferma de lepra". 
Porén, pode significar tamén "os colonos": previamente á introdución do termo "malata" existía o termo "malada", que significaba "colono", e talvez, ao perderse o significado de "malada" se mudase o nome para o novo termo coñecido.

Para máis detalle, ver >>> aquí a entrada de blog específica.

AS PICHEIRAS
 (Ourol)
Ver "A Picheira".

AS QUEIMELLAS (Ourol)
Diminutivo derivado de "queima", probablemente en relación coas actividades de cavar na roza: nas que facían borralladas, ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.

AS REGAS (Ourol)
Ver "A Rega".

AS UCHEIRAS (Ourol)
As "ucheiras" son as pedras do forno. Ucheira viría do latín ustulare 'queimar, arder', polo que tamén podemos pensar nunha interpretación máis xeral de "lugar que ardeu" ou similar.
Talvez o topónimo estea referido aos esteos (pedras laterais) dun dolmen, por veces tamén referido como furna ou "furna dos mouros".
Existe a parroquia de "Ucheiras" en Muras.

ATIÁN (Miñotos)
De (uilla) Attilani,  forma en xentivo de Attila, nome de orixe xermánica, referindo ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

BARCES (Ourol)
Este topónimo foi estudado por Bascuas, quen indica que figura atestado en 1453 como "Barçies", e daí derívao do plural Barceas > Barzas, co final relaxado en -es. En canto a "bárcena", Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz extendida no celta (cf. pp. 152-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).
Unha barcia é un terreo chan e cultivado, ou por veces a campo, xeralmente ao pé dun río (cf. aquí).  Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo próximo a río" (cf. aquí), e despois significou "terra próxima a río e que se inunda". Descoñecemos este caso concreto.

BAROSO (Ambosores)
Este topónimo é de orixe prerromana, relacionado co topónimo "Vara", que E. Bascuas e outros autores derivan da raíz hidronímica indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo'. Cf. p. 91 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
O sufixo -oso (do latín -osus) é frecuente en hidrónimos prelatinos, tais como "Arnoso", ""Argomoso", etc. Este sufixo é un abundancial, polo que Baroso indicaría algo similar a 'lugar onde abunda a auga'.

BELSAR (Xerdiz)
De (uilla) Belisariiforma en xentivo de Belisarius, nome de orixe xermánica, referindo ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

BESTERREXULFE (Ourol)
De Bustu Reciulfi, un "busto" dun antigo posuidor de nome Reciulfus, de orixe xermánica. Cf. P. Martínez Lema aquí. A raíz xermánica podería ser, no entanto, en *ragin- 'consello' ou *rigis 'trebas'.
Un "busto" designaba unha "corte, estábulo", e por extensión un "lugar para pasto", "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións. 
J. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, M. Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia (para/de) vacas' (cf. aquí), á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (IEW: 482).

BESTEBURIZ (Miñotos)
De Bustu Eburici, un "busto" dun antigo posuidor de nome Eburicus (ou Oburicus), nome de orixe xermánica.
Un "busto" designaba unha "corte, estábulo", e por extensión un "lugar para pasto". Ver "Besterrexulfe" para máis detalles.

BORREIROS
 (Merille)
Podería indicar o lugar onde vivían tratantes de cera. O dicionario define "borreiro" como "comerciante de cera". Cf. aquí.

BRAVOS (Bravos)
Este topónimo probablemente ten significado transparente de terreos incultos, baldíos. Esta é a opinión de Moralejo Laso, que interpreta estes topónimo, xunto con outros "Bravos" de Touro, Friol, Lugo, Páramo, etc, como orixinado no mesmo adxectivo, co significado "agreste, terreo sen roturar", por oposición a "mansu" (cf. A. Moralejo, 1981. "Notas acerca de algunos topónimos de la comarca de Betanzos" in "Anuario Brigantino").

BURGÁS (San Pantaleón de Cabanas)
Etimoloxía controversa.
Hai outro "Burgás" en Xermade, atestado en 1124 como "Sancta Eolalia de Burganes" (cf. E. Cal Pardo, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999), é interpretado por Bascuas como hidrónimo de orixe paleoeuropea, da forma *burga, derivada da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir'. Así, burganes indicaría unha zona de burgas, quer de auga quente ou de simple fervenza. Cf. p. 35 e 36 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.
Bascuas menciona tamén o topónimo "Burganes" en Zamora, que tería igual orixe.
Por outro lado, J. Piel deriva os topónimos Burganes, Burgás, Burgán, como derivados do apelativo "burgo", en canto que Bascuas considérao improbábel, dadas as razóns que indica para a indicada raíz *bher-.
Alternativamente, M. Costa derívao de *(uilla) Burgalanis, forma en xenitivo de Burgala, o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"),  nome de orixe xermánica. Cf. aquí. Porén, Bascuas tamén inclúe os topónimos atestados como Burgala e Burgalanes como hidrónimos.
Cremos que, neste caso, pese a autoridade de Bascuas, se trata dun "nomen possessoris": é  interesante reparar en que tanto este Burgás como o de Xermade, como o de Chantada, os tres corresponden con entidades de poboación, e o mesmo ocorre con  "Burgánn" en Cambados e "Burgán" en Tordoia. Pola contra, non atopamos ningún "Burgás" ou "Burgáns" non correspondente con entidade de poboación. Tampouco ningún leva artigo, que indicaría un posíbel uso apelativo. Todo isto parece indicar que se tratan de "nomen possessoris", e por tanto reforzar a interpretación indicada de M. Costa. 

CABO DE VILA (Miñotos)
Lugar situado no "estremo da vila".

CARRANCO (Ourol - lugar de Casa do Camiño)
Aínda que os dicionarios consultados somente indiquen para "carranco" o significado de "unha clase de paxaro" e a outra de "verme" (cf. aquí), nos casos de topónimos debe corresponder a unha acepción relacionada con "encosta", "ladeira", "lugar peado", similar a "barranco". Inclusive en siciliano existe a forma análoga carrancu 'lugar escarpado'.
Derivaría da raíz prelatina *kar-, "rocha, lugar pedregoso". 
O topónimo "Carranco" é frecuente, por exemplo en Muras, Barreiros ou Mañón, onde tamén hai "Carrancón" e "Carrancova". Hai tamén un "Carranque" en Toledo, nunha zona de talude da ribeira do río Guadarrama. 

CARRÁS (Ourol)
Plural de "carral", 'camiño de carro'.

CASALDARES (Ourol)
De "Casal de Ares", sendo "Ares" o apelido familiar.

CASCALLEIRA (Ourol)
O mesmo que "cascabullal", lugar onde abunda o cascallo ou cascabullo.

CAXIGUEIRA (Ourol)
O mesmo que "caxigal", lugar poboado de caxigo.

CEBRÁN (O Sisto)
De (uilla) Cipriani, forma en xentivo de Ciprianus, referindo ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

CERDIDO (Merille)
Lugar onde abundan as cerdeiras.

CERNADO (Ourol - lugar de Cernado)
De *(fondu) cineratu, "terra queimada". Ver "A Cernada".

COUCE (Ourol)
Esta palabra ten múltiples acepcións. Nestes casos viría de calce 'calcañar', e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada". 

CUFE (Xerdiz) 
Posiblemente de *(uilla) Qualulfi,  forma en xentivo de Qualulfusnome de orixe xermánica, referindo ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Cf. M. Costa aquí.

DORNAS (Bravos)
O termo "dorna" probablemente teña orixe paleoeuropea, e derive da raíz indoeuropea *dheu- "fluir", frecuente en  hidrónimos de orixe prerromana (cf. p. 52 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como río Doiro (< Durius).
Alternativamente, Xosé Ll. García indica para o correspondente termo  asturiano "duerna"  ‘artesa’,  "ha podido diversificarse semánticamente para aludir a terrenos más o menos envallados o aptos para recibir aguas". Cf. aquí.

ERBELLÁS (Miñotos)
Plural de "erbellal", grafía alternativa de "ervellal", lugar onde abundan as ervellas (planta leguminosa trepadora).

ESCOURIDO (Ourol)
Onde abunda a "escoura", pedra de cor do ferro.

FOLGOSO (Bravos)
De "felgoso", "lugar onde abundan os felgos".

FOLGOSELO (Xerdiz)
Diminutivo de  "folgoso".

FONTE GRADA (Ourol)
Do latín fons granata 'fonte importante, abundante'. O adxectivo "grada" aínda existe no portugués con este senso. Cf. aquí.
Nese mesmo senso, J. Piel interpretou este topónimo, como "contendo  o antigo adxectivo graado 'grande'" (cf. J. Piel, 1945. "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo VIII).
Nicandro Ares decántase por unha orixe no latín fons grata, "fonte agradábel", aínda que non aporta raíces para rexeitar aquela etimoloxía (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I).

O mesmo topónimo rexístrase en Ourol coa grafía "Fonte grada", así como en Torres Vedras (Portugal), así como en Vieiro coa grafía "Fontegrada".

FREIXEDAL (Ourol)
O termo "freixedal" indica un lugar onde abundan (terían abundado) as árbores chamadas "freixos".

GROMÁ (San Pantaleón de Cabanas) 
Posiblemente de "gromedoiros", de "gromar", agrumar, e que por tanto significaría "terreos fértiles, con plantas que agroman".
Cremos que a orixe máis probable é na base *borm- ’fonte, manancial’, dun indoeuropeo *bher- ’borbo­tar, ferver’ (anglosaxón beorma, latín fermentum ’formento, levadura’).
O paso de *bormana >grom sería equivalente ao de bromear > gromiar, broma>groma, e similar a volpe>golpe.
No entanto, E. Bascuas indicaba para "Gromejón" (afl. do Douro, Valladolid) unha orixe  distinta, na raíz indoeuropea *gwer- 'tragar', a través dun tema paleoeuropeo *garm-.  Cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 

Existe un  "Gromedoiros" en Chavín posiblemente relacionado, así como un"Gormedoiros" en Cabanas.

LECÍN (Bravos)
De (uilla) Licinii,  forma en xentivo de Liciniusnome de orixe romanareferindo ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").

LEBORÍN (Miñotos)
De (uilla) Leporiniforma en xentivo de Leporinusnome de orixe romana, documentado na alta Idade Mediareferindo ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Cf. aquí.

LEONTE (Miñotos)
De *(uilla) Leonti,  forma en xentivo de Leontiusnome de orixe romanareferindo ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Cf. aquí.

LOIBÁN (Merille)
Podería derivar de *(uilla) Lupiani,  forma en xentivo de Lupianusnome de orixe romanareferindo ao nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").
Alternativamente, pode derivar da raíz prelatina *lup-/*lub-, relacionada con hidrónimos.

MACEDO (Ourol)
Lugar onde abundan as maceiras.

MERÁN 
(Ourol)
Posiblemente de "Monte merán", monte con "mera" 'néboa miúda'. A palabra "mera" é de orixe prerromana, dunha raíz *m'r- relacionada coa auga.
Alternativamente de *(mons) Mirani, de *Miranus, hipocorístico de Mira, nome de orixe xermánica. Cf. aquí.

Dada a relativa abundancia de "monte Merán" (por exemplo, en Galdo, no Vicedo, etc), cremos máis plausíbel a primeira hipótese, pois se fose o nome dun posuidor non estaría maiormente restrinxida a orónimos senón tamén sería aplicada a agros e uillae.

MERILLE (Merille)
Podería derivar de *(uilla) Mirelli,  forma en xenitivo de Mirellus, nome de orixe xermánica, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola").
De feito, está atestado en 1124 como "sancta Eolalia de Mirel"  (cf. CDMACM = E. Cal Pardo, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
Segundo o profesor J. M. Piel, viría de *(uilla) Maiorelli, forma en xenitivo de Maiorellus'. Cf. aquí.
Alternativamente, Rosa Pedrero (1996) interprétao como relacionado coa raíz prerromana *mira, presente noutros topónimos como "Miranda". Cf. aquíNo entanto, a terminación "-ille" semella orixinada nun xenitivo de nome "possessor" medieval. Así, se consultamos as ocorrencias do topónimo "Merille" en Galiza (cf. aquí),  observamos que están asociados a núcleos de poboación, o cal parece reforzar esta interpretación.

MIÑOTOS (Miñotos)
Este nome de parroquia, figura atestado en 1124, nun documento en latín, como "sanctus Petrus de Miluis"  (cf. CDMACM = E. Cal Pardo, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999). Este nome "Miluis" é o correspondente latino polo galego "miñato, buxato". Por tanto, xa daquela, o escriba asociou o topónimo coa ave, traducíndoo para o latín.
A interpretación máis común deste topónimo é, de feito, a de "lugar onde abundan os miñotos/miñatos/buxatos".En efecto, Joseph Piel, interpretou este topónimo "Miñotos" como  zootopónimo, onde abundan esta ave (cf. J. Piel, par. 26 de "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966). Igualmente Nicandro Ares (cf. páx. 97, n. 42 de Lucensia) ou J. J. Moralejo (cf. "Minius/Minho/Miño"), quen rexeitou explicitamente ligar etimoloxicamente este Miñotos co Miño, incluso rexeita asociar etimoloxicamente ao Miño para o afluente do Miño chamado "Miñotelo".

Alternativamente, tendo en conta o afluente do Miño chamado "Miñotelo",  e pese á autoridade dos anteriormente citados, tampouco se pode rexeitar que este topónimo tivese a orixe nun hidrónimo, talvez fose algún dos afluentes do Landro que pasan por Miñotos, tais como o actual Rego de Besteburiz (que nace no Xistral) ou o rego das Balsadas (que nace no Pau da Vella). Temos outros exemplos que apuntan nesta dirección, como o do lugar de "Miñoto", no concello da Pastoriza, en onde desemboca o río Madalena no Miño. Tamén atopamos un "Miortos" no Porto do Son.

Finalmente, tampouco se pode rexeitar categoricamente que estemos na presenza dun etnónimo, do mesmo modo que se atopan poboacións cos nomes Suegos/Suevos, Toldaos, Cumbraos, Astureses, etc. Así, referindo "Miñotos" referiría a repobladores procedentes da beira do río Miño, talvez da Terra Chá.

MONTE DA CASILLA (Ourol - lugar de Requeixo)
Ver "A Casilla".

MOSENDE (Ourol)
O termo "Mosende" deriva da forma en xenitivo dun antropónimo de orixe xermánica. Neste caso, o antropónimo exacto é complexo de dirimir por falta de documentación. Unha posíbel orixe sería de Manosindus.
Alternativamente, poderia ser ModesindusModesendusMunesendus ou Monesendus,  aínda que ningún deles estea documentado. Cf. aquí.

O BETANCEIRO (Ourol)
Terreo antigamente pertencente a un oriúndo de Betanzos.

O BRIZO (Ourol - lugar de Cernado)
Un "brizo" é unha "planta da familia das umbelíferas", que medra en sitios húmedos.

O CACHÓN (Miñotos)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

O CAL DO VIAITEIRO
 (Ourol)
Un "cal" ou "cale" e a zona en forma de canal onde se xuntan dous montes na súa parte baixa.
Un "viaiteiro" é variante na pronunciación de "vieiteiro", o mesmo que "sabugueiro".

O CALVO (Miñotos)
Lugar con pouca vexetación. Tanto "calvo" como "calvelo", calvela e calveira referen a lugares desprovistos de vexetación arbórea ou arbustiva.

O CAMPO DO PIÓN (Ourol)
Neste caso, "pión" ou "peón" posiblemente teña orixe no oficio do posuidor do campo.

CAMPÓN (varios)
Prado de secano de moita extensión. Cf. aquí.

O CANDEDO (Ourol - lugar do Candedo)
Garabullal, lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).
En Galicia rexístranse outros topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

O CANTIÑO GRANDE, O CANTIÑO PEQUENO (Ourol)
Forma en diminutivo de "canto".  O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que ao meu ver máis encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O canto do pazo" (Cervo), "O  canto da vila" en Silán (Muras), ou "o canto do prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe extranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.

Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. aquí). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).

O topónimo  "Canto" é frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

O CARRUSCO (O Sisto)
De orixe e significado incerto. O elemento pre-romano *carr- "pedra", existe en nomes como carracedo, carrasco, etc.
Por veces asóciase ao celta *karr- "escarpado" (cf. aquí).
Existe rexistrado outro  "Carrusco" en Mosende (O Vicedo), e outro en Tramacastilla (Teruel), e un Carrusquiecho, provinte de "Carrusquezo", en Sallent (Huesca).

O CHAO DAS LAGOAS (Ourol -lugar de Requeixo)
Ver "A Lagoa".

O CHAO DAS MEDAS (Ourol)
"Meda" é unha morea de mollos de cereal segado, aínda que podería referir a "mámoa".

O CHAO DO XARAL (Ourol)
Un "xaral" son terras de "xabre" (terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito). 
Na comarca, existe tamén "xuxarrido", de "xarrido" en Bares e outro "Xaral" nas Negradas, en Landrove, etc. 
Os sufixos "-al" e "-ido" e "-edo", presentes respectivamente en xaral e xarrido, son abundanciais.

O COCHÓN (Ourol)
Pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". 
Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco").
Aínda que máis improbable, pode ser unha deturpación de "cachón" (fervenza), aínda que descoñecemos o lugar.
Existen outros topónimos "Cochón" en lugares cercanos como Muras e Mañón.

O COMBARRO (Miñotos)
"Combarro" é unha palabra de orixe pre-romana (comb- + -arro), e significa "alpendre" en algunhas zonas. 
Combar significa "torcer", "encorvar".

O COUCE DE PAREDES (O Sisto)
Ver "O Couce".

O EITO DA FONTE (Ourol - lugar de Cernado)
Un "eito" é cada anaco en que se divide un terreo para traballalo. É partillado en sucos nun labradío, en canto que nun prado ou monte son os anacos que quedan  cando se sega a herba ou cortan os toxos ao ir e volver, ata concluir. Cf. aquí.

O GOIO (Xerdiz)
O termo "goio" significa "foxo", "furada", e tamén pode significar "poza no río" ("piago"). Cf. aquí.

O GRANDAL (Xerdiz)
O topónimo "Grandal" deriva de "gandaral", abundancia de "gándaras".
O termo "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

O LUDEIRO (Ourol)
O nome "ludeiro" é variante da pronunciación de "lodeiro", indicando unha lameira, un terreo con lama. Alternativamente, tamén dá nome á árbore chamada "lamigueiro", "lotus", 
Cf. aquí.

O LUGAR DE LADRA (Ourol)
Podería referirse a "Lugar da Ladroa", dun alcume referido á posuidora ou suceso ocorrido nese campo.
Porén, o topónimo "Ladra" é frecuente demais en Galiza para derivar sempre dunha "ladroa" que, se esa fose a orixe, sería un topónimo accidental e infrecuente.
Tendo en conta o anterior, sería axeitada unha orixe no tema prerromano *lat-r-, posiblemente céltico ou paleoeuropeo, derivado do proto-indoeuropeo *lat- 'pántano, lameiro, lama', o mesmo que ocorre no caso dos "río Ladra", documentados na Idade Media como Latera (cf. J.J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008).
Outros topónimos cercanos similares son "Pena Ladra" na Balsa (Muras) e "Campo da Ladra" nas Ribeiras do Sor (Mañón). Tamén existe "Ladrido" en Ortigueira.

O MACHUCO (Miñotos)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co latín marculum 'martelo pequeno', probablemente referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río (de feito, está nunha zona de prados). 
Podemos descartar a orixe nun diminutivo da palabra masculum 'persoa de xénero masculino' (macho), pois tería pouco encaixe nun topónimo.

O MARCO (Ourol)
O nome "marco" refere a un lugar onde hai ou houbo un marco (pedra fincada no terreo, de límite territorial), posiblemente un marco medieval, un miliario ou incluso unha pedrafita ou menhir.

O MERÁN (Ourol - lugar de Cernado)
Ver "Merán".

O MELLOTE (Ourol)
Significado e orixe incertas. 
Talvez dunha raíz indoeuropea *mel- "aparecer, emerxer", frecuente nas distintas linguas derivadas, e que atinxiu nelas valores de tipo oronímico e hidronímico. Cf. aquí.  O sufixo -ote tamén parece reforzar esta hipótese prerromana.Alternativamemente, de (agru) Meliotti, dun posuidor chamado Meliottus, aínda que o feito de levar artigo parece desbotar esta hipótese.

O MILLEIRO DE ABAIXO (Ourol - lugar do Milleiro)
Posiblemente "milleiro" indique "terreo milleiro", terreo bon para o cultivo do millo miúdo, que produce boas colleitas de millo. Sería o caso análogo ao  "terreo pataqueiro", aquel que rende boas colleitas de patacas. 

O "milleiro" defíneno os dicionaros como "pé de millo, planta de millo". 
Hai quen relaciona por veces "milleiro" co latín miliarium, porén, a non ser que houbese proba ao respecto, debemos asocialo ao significado máis común e, por tanto, máis probable: ao millo.
Ao ser, neste caso, un topónimo antigo, "millo" significaría "millo miúdo", que era o millo existente antigamente, antes de traer o millo de América.

O PALAIMO (Ourol - lugar do Viso)
Posiblemente referido a "pelamio", lugar onde houbo curtidorías de pel. Cf. F. Cabeza. "Os nomes de lugar".
Tamén pode vir referido a posuidores que eran curtidores.
O primeiro "-a-" é debido á variabilidade articulatoria en galego das vocais átonas. Así, existe por exemplo, "Os Polaimos" en Mañón.

O PEREIRO (San Pantaleón de Cabanas)
Posiblemente do latín petrariu, "pedreiro".  
Alternativamente, podería vir de pirariu (árbore), aínda que parece máis probábel a primeira hipótese.

O PISÓN (Ourol - lugar de Ourol)
Similar a "batán", máquina composta de grandes mazos que xiran para pisar os tecidos e darlles maior consistencia.

O PORCADO (Merille), O PORCAO
Indícame José Puentes que este lugar é en realidade é "O Porcao", téndoselle mudado o nome nos anos 80 do pasado século polo IGN, pensando talvez que en Ourol tiñan os mesmos hábitos falando galego que en Madrid tiñan co castelán.
Coincido con el en que, sendo este o caso, podería vir de "Porto Cao", en referencia a unha persoa apelidada Cao, apelido común nesta área. É máis, penso que a probabilidade de que esa sexa a orixe é moi alta, tal como comentamos de seguido.

O nome "cao", do latín canus 'branco', está atestado (aínda como "Cano") na onomástica medieval, xa existente como cognome na onomástica latina, e sería orixinado nun alcume, probablemente referido a "cabelo cao" ou á idade do posesor (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Se analizamos a distribución do apelido Cao, penso que puido ter unha das orixes en Ourol, talvez neste núcleo de poboación: en efecto, o "gradente" de frecuencias deste apelido apunta para este concello, o "foco aparente" está situado neste concello, o cal torna plausible que este concello sexa a orixe do apelido. Este dato reforza a interpretación de "Porto Cao".
Comenta José Puentes que por este núcleo de poboación pasaba un vello camiño real despois de cruzar o río Landro polo Gromedoiro. Esta situación de paso no antigo camiño real é outro dato clave e reforza aínda máis a orixe do topónimo nun "porto", tal como creo foi o caso de "Poramigo", que comento na correspondente entrada.

Para o significado de "Porto", ver os comentarios incluídos en "Poramigo"

O REBOREDO (Merille)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur, "carballo", co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto “carballedo” vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial romance.

O REGO DAS VARAS (Xerdiz)
Cremos que neste caso "varas" non ten o significado común de 'pau longo e delgado', senón que podería estar relacionado co termo, posiblemente prerromano, presente en topónimos como "A Vara" en Xove, ou Baralla, ou tamén "Varela".

O REQUEIXIDO (Ourol)
Ver "O Requeixo".

O RETORNO (Ourol)
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí  para máis detalles.

O SISTO (O Sisto)
Para Díaz Fuentes, "sisto" sería unha "parada nun camiño". Cf. Díaz Fuentes, no seu traballo sobre a comarca de Sarria. 
Outra interpretación é como referencia a un posuidor medieval chamado Sistus. Así ocorre nalgúns casos documentados. Cf.  Lucas Ávarez "El Tumbo de San Julián de Samos". Porén, os varios topónimos  "Sistelos",  "Sistelo" e "Sistelín" existentes parecen descartar esta unha orixe antroponímica e apontar máis para a interpretación de Díaz Fuentes ou similar.

Alternativamente, hai quen refere ao reparto de terras, a sextos, na época sueva. Cf. I. Millán, 1987. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz".

O SOBRADO (Ourol - lugar do Sobrado)
O apelativo "sobrado" refere en galego ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira". Xeralmente, é interpretado como derivado de superatum, pero no senso de 'sitio alto, eminente'. Así, I. Millán defíneo como "tierra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. " Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987). Isto encaixaría por exemplo no caso do  "Monte Sobrado" en Xove.
Por outro lado, J. Piel interpretou "sobrado" como pertencente á mesma categoría de "pazo" (<palatium) e sá (<sala), as tres denominando "residencias máis ou menos fidalgas" (cf. J. Piel en "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra". 1953). Aplicaríase, xa que logo, no senso de casa de certo lustre ao ter varios andares.
Tanto Piel como outros autores rexeitan interpretacións como a de provir de "suberatum", tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.

O TARANCO (Ourol)
O termo "taranco" é de orixe prerromana, posiblemente céltica  (cfr. aquí), e inclúe os elementos *tar- "altura" e *-anc-, locativo. Tería, portanto, orixinariamente un significado de "lugar situado no alto".

O TROBO (Bravos)
Un "trobo" indica unha colmea, un cortizo. Cf. aquí.

O UZAL (Ourol - lugar do Viso)
Lugar poboado de uces.

O VEDRO (Ourol - lugar do Candedo)
Xeralmente, "vedro" proviría do latín veterum "vello".  Outra alternativa é significando o "monte de rozas", que se cava para cultivalo con trigo ou centeo.
Non podemos descartar tampouco que nalgún caso proveña do latín blitum, a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". Nótese que, neste caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado".
Como sempre, a documentación antiga axudaríanos.

O VILAR (Merille)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na extremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").
É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados.
Porén, na actualidade, os dicionarios referen a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".
Cfr. aquí.

O VISO (Ourol)
Un "viso" é "sitio alto, sitio elevado". Cf. aquí

O XASTAL (Ourol)
Variante na pronunciación de "xestal", lugar onde abundan as xestas.

OS ILLÓS (Ourol)
Un "illó" é un sitio pequeno onde brota auga, e é pantanoso (cf. aquí). Podería derivar do latín vulgar *oculiolu, ou tamén da raíz indoeuropea *wel- 'xirar', a mesma raíz que a do topónimo "Ulla".

OS CAMPÓS (Ourol)
Ver "O Campón".

OS ENCANTOS (Ourol -lugar do Viso)
Segundo López Cuevillas, o "encanto", na mitoloxía popular galega, sería un ente misterioso con cualidades sobrenaturais que se converte en ser material. El sería o que garda os tesouros dos castros (cf. F. López, "Prehistoria de Melide", in "Terra de Melide". 1933 e 1978).
Recolle Xabier Moure, para o caso da "Pena Leirada" a lenda ".. hai un encanto por sete reinados, tempos irán e tempos virán que as patas das cabras os descubrirán".  Cf. aquí.

O termo "encanto" pode tamén estar relacionado, alén de con algunha lenda, coa raíz céltica *kant- relacionado con "rocha, canto, borde", "beira de río con coios".

OS VEDROS (Ourol)
Ver "O Vedro".

OUROL (Ourol)
De (uilla) Aurioliforma en xenitivo de Auriolus, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). O nome Auriolus está atestado en Galiza nos séculos X e XI.

PEDRAFITA (Miñotos)
Do latín Petra(m) Ficta(m), "pedra chantada", "pedra erecta", que indicaría a antiga existencia dun marco medieval, dun miliario romano ou dun menhir.

PENABADE (Ourol)
Orixe incerta. Unha hipótese sería Pinna Abbati, "pena do abade". Tamén podemos interpretar Abbati como nome personal, tal como propón J. Piel para o topónimo análogo "Vilabade". Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico",  Verba 11 (1984). Cf. aquí.
Alternativamente, podemos tamén pensar nunha orixe en Pinna Aviati, derivado do nome persoal latino Aviatus, recollido por Solin (cf. H. Solin, H. et O. Salomies, "Repertorium nominum gentilium et cognominum Latinorum". 1988).

Outra hipótese sería a de "abade" estar relacionado coa raíz hidronímica prerromana, tipo *ap-*au-, moi diversificada co pasar do tempo. Francisco Villar asocia esta variante *ab- 'auga' como modalidade típicamente celta (cf. p. 170 de F. Villar. "Indoeuropeos y no indoeuropeos en la Hispania prerromana"). 

PIEGALBO (Xerdiz)
De "piago albo" ("piago branco"). Un "piago" ou "peago" é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.

PORAMIGO (Xerdiz)
Posiblemente composto de *"Porto Amigo". O termo Amigo refere ao apelido ("cognome") dun antigo posesor, sendo un apelido relativamente frecuente na Galiza medieval.

En principio, podería igualmente interpretarse como "Pero Amigo", como nome dun antigo posuidor. De feito, o ilustre J. M. Piel sostivo esta hipótese, para este "Poramigo" específico de Ourol, e interpretouno como derivado de *Per'Amigo (<"Pedro Amigo"), e mencionando tamén a aldea de Peroamigo en Sevilla. Cf. p. 5 e ss., J. M. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo XXVIII
Non sería preciso que fose o Peramigo de Sevilla:  este nome e apelido figuran atestados no medievo en Galiza: "Petro Amigo 1220, Petrum Amicum 1219 (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").

No entanto, dados todos os "Porto" e "Por-" existentes neste concello e no veciño concello de Muras, e aínda pese á opinión oposta de Piel, parécenos máis probable a primeira interpretación como "Porto Amigo" (ver a explicación que damos para para o topónimo "O Porromeo" no Concello de Muras >> aquí).

POUPARIÑA (Ourol)
Este  núcleo de poboación comparte topónimo coas veciñas "A Poupariña" de Momán e das Pontes.
Tendo en conta o significado portugués de poupa 'bubela' (lat. 'upupa'), Joseph Piel, interpretou os topónimos "Poupa"  e "Poupariña" como nomes da "bubela", se ben non se mostra convencido (cf. J. Piel, par. 37 de "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).
Tal como escribeu Piel, "Ich lasse es bei dieser auswahl bewenden" ("déixoo na selección").

PUNTIGO (Ourol)
Variante na pronunciación de "pontigo", ponte pequena. O xénero masculino reforza aínda máis a idea de "pequena dimensión".

REBEIRÓS (Ourol)
Diminutivo de  "robeiro" ("carballo, aciña") ou de "ribeiro" ("río, encosta ao pé dun río, ribazo"). Aínda que a orografía apunte a "ribeiro", cremos máis probable a orixe en "robeiro", pola maior frecuencia de oscilación na pronuncia do -o- átono para -e- átono.

REGO DO ARO (Ourol)
Posiblemente o significado de "Aro" estea relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blogue >>> aquí para máis detalles.

REQUEIXO (Ourol - lugar de Requeixo)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cfr. aquí), ou tamén lugar apartado, nun recanto. E. Rivas especifica que é a zona 'parte inferior do monte, ao pé do vale'. Cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007. 
Segundo E. Bascuas , viría da forma prerromana *rek- presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo". Cf. VERBA, 2000.

REQUIÁN (Ourol)
De (uilla) Recchilani, forma en xenitivo de Recchila, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Este nome é de orixe xermánica, aínda que non se derive que o posuidor fose de tal orixe.

REXULFE (Xerdiz)
De (uilla) Ragiulfi, forma en xenitivo de Ragiulfus, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Este nome é de orixe xermánica, posiblemente formado polos temas *Ragin- 'conselleiro' e mais wulf 'lobo' (a raíz xermánica tamén podería ser rigi- 'trebas').
Ver tamén "Besterrexulfe", que podería ter orixe no mesmo posuidor medieval, ou polo menos noutra persoa do mesmo nome.
É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posuidor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

RÍO LANDRO (Ourol)
Posiblemente do céltico *landa- "terreo cultivado" (cf. aquí). Hai quen o relaciona co apelativo "landra".

RÍO SOR (Varios)
Ver a entrada de blogue aquí >> Río Sor.

SABUCEDO (Ourol)
Lugar onde abunda o "sabugo", tamén chamado 'vieiteiro'.

SANCHE (Bravos)
De (uilla) Sanctii, forma en xenitivo de Sanctius, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Este nome é de orixe latina ou romance.

SANGUÑIDO 
(Xerdiz)
Lugar onde abundan os sanguiños, planta arbustiva propia de lugares húmidos; a súa casca, seca, era empregada de purgante e de remedio contra a sarna, en canto o froito era usado para a obtención de tinturas.

SANTAR (Ambosores)
De (uilla) Sentarii, forma en xenitivo de Sentarius, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Este nome é de orixe xermánica, aínda que non se derive que o posuidor fose de tal orixe.

SEBRÁN (O Sisto)
De (uilla) Severiani,  forma en xenitivo de Severianus, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Este nome é de orixe romana, aínda que non se derive que o posuidor fose de tal orixe.

SILVIDE (Xerdiz)
Lugar onde abundan as silvas.

SILVOSO (O Sisto)
Lugar onde abundan as silvas.

SUASUCHEIRAS (Ourol)
Composto por "Su-as-ucheiras", debaixo de "As Ucheiras". Ver "As Ucheiras".

TEIXIDO (Ourol)
Lugar onde abundan os teixos.

TIÑADE (Bravos)
Posiblemente de orixe paleoeuropea (pre-céltica), cun significado similar a "lama, lodo".
E. Bascuas estuda este topónimo relacionándoo coa base paleoeuropea *tin-, derivada da raíz indoeuropea *ta- 'derreterse, fluír', de carácter hidronímico, presente en múltiples topónimos. Proviría, segundo Bascuas, dunha forma *Tiniatum > *Tiñado > Tiñade. Cf. p. 105 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

TUÍLLE (Bravos)
De (uilla) Theodiscli, forma en xenitivo de Theodisclus, indicando o nome do antigo posesor da uilla ("explotación agrícola"). Este nome é de orixe xermánica, aínda que non se derive que o posuidor fose de tal orixe.

VEDROS (Ourol)
Ver "O Vedro".

VIGO (Miñotos)
Do latín uicus 'aldea'. 

VILABUÍN (Miñotos)
De (uilla) Avolini,   forma en xenitivo de Avolinus, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). O nome Avolinus é moi probablemente un derivado do latín Auus (avó). No entanto, Boullón Agrelo ten suxirido unha posíbel relación co galicismo (ou catalanismo) avol 'malo, vil, ruín, cativo'.

VILADÓNIGA (Ourol)
Derivaría do latín uilla dominica, 'vila do señor'. Cf. e.g. M. Costa aquí.

Alternativamente, de Vila de Ónneca. O antropónimo feminino Ónneca, que en galego evouiu para Óniga ou Ónega, é de orixe incerta, posiblemente indoeuropea, aínda que hai teorías diversas. O feito é que é un antropónimo recollido en diversas linguas de todo o norte Peninsular.
Cf. aquí.

VILALVERDE (Xerdiz)
Posiblemente de uillare Viridi, forma en xenitivo de Viridius, o nome dun antigo posuidor do uillare.
Tampouco podemos descartar que corresponda simplemente co composto "Vilar Verde", adxectivando a cor do lugar.

VILARES (Merille)
Ver "O Vilar".

VILATÁN (Ourol)
De (uilla) Athaniforma en xenitivo de Athanus, indicando o nome do antigo posuidor da uilla ("explotación agrícola"). Este nome é de orixe xermánica, aínda que non se derive que o posuidor fose de tal orixe. Cf. M. Costa aquí.

XANCEDA (Ourol)
Probablemente do latín saliceta, lugar onde abundan os salgueiros.

XERALEIRA (Ourol)
Variante na pronunciación de "xaraleira", o mesmo que "xaral", terras de "xabre" (unha terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito). Na comarca, existe tamén en Bares "xuxarrido", de "su xarrido"  e outro "Xaral" nas Negradas, en Landrove, etc.

XERDIZ (Xerdiz) 
Derivado de (uilla) Seserici, dun antigo posuidor chamado Sesericus, nome de orixe xermánica.
Esta interpretación está apoiada no feito de ser citado este lugar como "Seserit" nun documento do século XII (cf. Flórez, "España Sagrada" aquí. Esta grafía con final en "-t" indicaría a pronuncia medieval que deu na actualidade a pronuncia "-z").
A evolución fonética de /sezerits/ > /xerdiz/ non presenta maiores problemas en galego, tal como aconteceu con cerzido > cerdido e noutras palabras, a sibilante sonora /z/ pasou a /d/ por disimilación coa sibiliante de comezo de palabra. A palatización da sibilante inicial tampouco presenta maior problema na fonética galega.
Como confirmación do anterior, figura atestada a forma intermedia "Xederiz" no "Censo de Pecheros" de 1528, e un século despois xa case coa fonética actual, como "Jerdis", no "Censo de la Sal" de 1631.

XESTIDO (Miñotos)
O topónimo é transparente, facendo referencia a un lugar onde abundan as xestas.

4 comentarios:

  1. O lugar de "O Porcado" en realidade é "O Porcao". Os primeiros que lle mudaron o nome foron os do IGN nos anos 80, pensando, supoño, que Ourol era como Madrid e a terminación ficaba na fala en . Máis nesta parte de Galicia Porcao equivale a o Porcán doutras bisbarras, se non é que ven de Porto Cao, pois o apelido Cao é de por acó e a beira das casas pasaba un vello camiño real despois de cruzar o río Landro polo Gromedoiro.

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola José,
      Moitas grazas polos teus comentarios!, contesteiche máis abaixo por erro.
      Por certo: sabes se o camiño real pasaba tamén por Poramigo? sería interesante confirmar que estes "portos" de paso de montaña de Ourol (e algún do veciño concello de Muras) eran parte dese camiño real!.
      Saúdos

      Eliminar
  2. ... a terminación ADO ficaba na fala en AO...

    ResponderEliminar
    Respostas
    1. Ola José,
      Moitas grazas polos teus comentarios!, tomo nota e póñoo no blog. Tes por casualidade algunha referencia a documentación que ateste o nome "Porcao" ?

      PD: por certo, coincidimos na hipótese de situación da Insula Miranti.
      Saúdos cordiais
      Xose

      Eliminar