domingo, 2 de xuño de 2013

Toponimia de Ourol



Esta páxina achega un pequeno estudo toponímico das distintas parroquias do concello. 

Esperamos que poida ser de utilidade para quen sinta curiosidade por esta forma distinta de observar a nosa historia, os que pasaron por estas terrras e lles deron nome. 

Nota: omitimos todos aqueles con significado transparente. 
___________________________________________________________


ABELEDO (Ourol)
Topónimo que remite a un lugar onde abundan as abeleiras.

AS ABELLEIRAS (Ourol - lugar de Cernado)
O termo "abelleira" significa o mesmo que "colmea" ou "enxame". Portanto, o topónimo remite a un lugar onde había colocadas colmeas. 
Nalgúns casos, o lugar estaba cercado, para protexer as colmeas dos animais, e un tanto lonxe da poboación.É un topónimo moi común en toda A Mariña, do Vicedo ata Ribadeo.
No dicionario de Madoz (S. XIX) non figuran estas "Abelleiras", pero si figuran dúas entidades de poboación na parroquia de Galdo, "Abelleira de Catarón" e "Abelleira de S. Miguel".

ABRÓTIGAS (Ourol)
Unha "abrotia", "abrótiga" ou "abrótega" é unha "planta herbácea medicinal e   ornamental, da familia das liliáceas".

AS ACEAS (Ourol)
O apelativo "acea" ten o significado de "muíño fariñeiro". Diferénciase a "acea" do "muíño" en que a acea é movida por unha gran roda hidráulica colocada verticalmente, na corrente do río, en canto que o muíño é movido  por medio do rodicio, o cal é colocado horizontalmente.

AMBOSORES (Ambosores)
O termo "Ambosores" indicaría, tal como aparenta, un lugar situado na confluencia dos dous Sor. 
Contodo, non está realmente situado na confluencia.  E. Bascuas  postula unha orixe en *Ambas-Sor ("río Sor"), co termo prelatino *ambas, co significado de "augas". Para o topónimo "Sor", ver a entrada Río Sor no blog Pena da Cataverna.

ANXERIZ (Xerdiz) 
De (uilla) Anserici, forma en xentivo de Ansericus, nome de orixe xermánica, referindo ao nome do antigo posidor da uilla (granxa, explotación agrícola).

ARREXOÁ (San Pantaleón de Cabanas - lugar de Arrexoá)
Este topónimo, malia a atención que leva reparado de varios filólogos, segue a ter significado e orixe incerta.
É interesante o feito, non sempre coñecido polos filólogos, de estar este lugar atestado no ano 1785 como "A Rexoá", ao ser mencionado que nesta parroquia se sitúa o "Foxo llamado da Rexoá", que "baja en declive hacia el arroyo nombrado da Rexoa rematando en punta(cf. p. 39 de J. P. Torrente "Osos y otras fieras en el pasado en Asturias". 1999). 
Este feito de compartir o nome co regato pode ser interpretado como que o nome foi tomado do regato. Lembremos que as formas en diminutivo son amplamente usadas na toponimia  para aludir á  parte alta dos ríos ou a un dos afluentes (v.g. Ulloa do Ulla, Sarela do Sar, etc). Lembremos que a orixe nun diminutivo -oá (< latín -ola) encaixa para esta zona.
No dicionario de Madoz (S. XIX) figura como "Rajoá".

Seguindo ao filólogo Edelmiro Bascuas, posiblemente teña unha orixe prerromana, no tema paleouropeo *ar-r-, hidrónimo derivado da raíz indoeuropea *er- "moverse". En efecto, sería parte da serie estudada por Bascuas que inclúe topónimos como Arruxo, Arra, Arras, Arruela, etc, e tamén o apelativo galego "arró" ("cómaro, ribazo á beira do río"). Cf. p. 63 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega".
Así, semella plausible interpretar "Arrexoá" como unha forma en diminutivo de Arrexa, Arruxa ou similar, derivados do tema indoeuropeo indicado. 

Por outra banda, non coincidimos coa interpretación que deu Bascuas para este topónimo concreto, en que lle atribúe unha posible orixe en *Arra-solana. Semella máis plausible a explicación máis simple da orixe nun diminutivo -oá, xa que na zona onde se localiza este topónimo é/foi común a evoución do diminutivo romance -ola para -oá. Así, ademais do "Cabreiro´" que indicamos, Carolina Pérez Capelo menciona na Mariña lucense exemplos como As Moás en Foz, Airoá e posiblemente Amoá no Vicedo, así como "teiroá" no léxico común..." (cf.  Carolina Pérez Capelo "Toponimia e variación dialectal en galego. Os topónimos rematados en -oa, -oá, -úa, -uá". 2015).

Sexa como for, no é un topónimo único, pois tamén se atopan:
- "Arrexoá" en Ribadeo e Portomarín
- varios "A Rexoa"  en Galiza e na zona asturiana de fala galega
- "Raxoá" no Barco de Valdeorras, e "A Raxoá" no Incio.
- varios "Raxoa"  "A Raxoa" e "As Raxoas". 
- A Roxoa (Celeiro de Mariñaos), posiblemente da mesma orixe.
En todos os casos anteriores, observamos as formas sen e con diminutivo, este coas variantes que dependendo da zona levou a -oa e noutras a -oá.
É interesante notar que algúns deles conforman hidrónimos, tal como é o caso do Rego da Raxoa en Nois (Foz).

Non debe estar directamente relacionado co termo "arroxa", que o dicionario define como "pedazo de monte queimado", pois tal apelativo soamente se rexistra no sur da provincia de Ourense.

ATIÁN (Miñotos)
De (uilla) Attilani,  forma en xentivo de Attila, nome de orixe xermánica, referindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola).

BARCES (Ourol)
Este topónimo foi estudado por Bascuas, quen indica que figura atestado en 1453 como "Barçies", e daí derívao do plural Barceas > Barzas, co final relaxado en -es. En canto a "bárcena", Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz estendida no celta (cf. pp. 152-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014).
Unha barcia é un terreo chan e cultivado, ou por veces a campo, xeralmente ao pé dun río (cf. aquí).  Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo próximo a río" (cf. aquí), e despois significou "terra próxima a río e que se inunda". Descoñecemos este caso concreto.

A BARCIA (Bravos)
Unha barcia é un terreo chan e cultivado, ou por veces a campo, xeralmente ao pé dun río (cf. DdD).  Orixinariamente significaba algo como "terreo de cultivo próximo a río" (cf. aquí), e despois significou "terra próxima a río e que se inunda". Descoñecemos este caso concreto.
Canto á súa orixe, a serie Barcia/Varcia/Barxa foi detalladamente analizada por Bascuas. En efecto, Bascuas pón de manifesto o "absoluto predominio" da documentación antiga como varcena e despois varcia, en canto que a representación con "b" foi excepcional. Por isto e outras razóns, deriva "Barcia" e "Barxa" dunha forma paleoeuropea *war-ki-na, a partir da raíz indoeuropea *war- 'auga'; non lle dá orixe celta, ao non estar tal raíz estendida no celta. Cf. pp. 154-155 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.
No dicionario de Madoz (S. XIX) figura atestado como "BARCIA".

BAROSO (Ambosores)
Este topónimo ten moi probablemente orixe prerromana, relacionado co topónimo "Vara", que E. Bascuas e outros autores derivan da raíz hidronímica indoeuropea *awer-, 'auga, mollar, chover, fluxo'. Cf. p. 91 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 
Está relacionado igualmente con Varis (actual Bares).
O sufixo -oso é un abundancial, polo que Baroso indicaría algo similar a 'lugar onde abunda a auga' - este sufixo, aínda sendo romance é frecuente en hidrónimos prelatinos, tais como "Arnoso", ""Argomoso", etc.
É un "irmán" da "Punta Varenta" (Cariño), con sufixación distinta pero igual raíz e significado.
É de notar que, aínda que se podería pensar nun abundancial do apelativo "vara", é improbable pola existencia do conxunto indicado, en especial de "Varenta". Igualmente, Gonzalo Navaza tampouco o inclúe no seu estudo de fitotopónimos.
Houbo un "A Barosa" nas Pontes de G. Rodríguez.

BELSAR (Xerdiz)
De (uilla) Belisariiforma en xentivo de Belisarius, nome de orixe xermánica, referindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola).
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) con este mesmo nome.

BESTERREXULFE (Ourol)
De Bustu Reciulfi, un "busto" dun antigo posesor de nome Reciulfus, de orixe xermánica. Cf. P. Martínez Lema aquí. A raíz xermánica podería ser, no entanto, en *ragin- 'consello' ou *rigis 'trebas'.
Un "busto" designaba unha "corte, estábulo", e por extensión un "lugar para pasto", "rabaño de gando vacún" ou "curral de bois e vacas", xeralmente no monte, lonxe das poboacións. 
J. Piel matizou que especialmente se refire a “pastos altos, pastos de verán”, citando a Sarmiento, que xa adiantaba as mesmas ideas.
Gonzalo Navaza, na súa Toponimia de Catoira, di que os topónimos "Busto" e "Bustelo" naceron na Alta Idade Media como granxas ao cargo dunha familia de servos que coidaba os rabaños dun señor. Neste sentido, e seguindo a J. J. Moralejo, M. Costa deriva bustum do composto proto-céltico *bou-st-om 'estancia (para/de) vacas' (cf. blog Frornarea), á súa vez derivado da raíz indoeuropea  *gwōw- 'vaca' (IEW: 482).

BESTEBURIZ (Miñotos)
De Bustu Eburici, un "busto" dun antigo posesor de nome Eburicus (ou Oburicus), nome de orixe xermánica.
Un "busto" designaba unha "corte, estábulo", e por extensión un "lugar para pasto". Ver "Besterrexulfe" para máis detalles.

O BETANCEIRO (Ourol)
Terreo antigamente pertencente a un oriúndo de Betanzos.

A BITORNA (Ourol -lugar de Cernado)
O termo "bitorna" posiblemente sexa composto de "torna", con "torna" no sentido de "espita", 'caño'. Hai varias "fonte da bitorna" que parecen encaixar e confirmar este significado.
Os topónimos  "Torna", "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog Pena da Cataverna para máis detalles.

BORREIROS
 (Merille)
Podería indicar o lugar onde vivían tratantes de cera. O dicionario define "borreiro" como "comerciante de cera". Cf. DdD.
No entanto, Pode tamén interpretarse como aludindo a lugar con "borra", residuos, talvez pedregallo. É interesante reparar en que no dicionario de Madoz (S. XIX). ademais deste topónimo, aparece "Borra" na veciña San Pantaleón de Cabanas. Isto parece reforzar en que "borreiros" non se refere a tratantes de cera. Talvez, incluso, Borreiros aludiría a oriúndos de Borra, aínda que é unha mera especulación.

A BÓVEDA (Miñotos)
Etimoloxía incerta, talvez do latín *Uoluitam, "volta", ou dun xermánico *boww- "granxa, edificio".
Corominas derivábaas de dun xermánico *buwitha, e este de *buwan "construír, morar". 
Cf. aFrornarea.
No dicionario de Madoz (S. XIX) figura como "BOVEDA".

BRAVOS (Bravos)
Este topónimo probablemente ten significado transparente de terreos incultos, baldíos. 
Moralejo Laso, interpreta este topónimo, xunto con outros "Bravos" de Touro, Friol, Lugo, Páramo, etc, como orixinado no adxectivo dese nome, aludindo a "agreste, terreo sen roturar", por oposición a "mansu" (cf. A. Moralejo, 1981. "Notas acerca de algunos topónimos de la comarca de Betanzos" in "Anuario Brigantino").
No século XVIII atopámolo atestado como "Brávos" (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

O BRIZO (Ourol - lugar de Cernado)
Un "brizo" é unha "planta da familia das umbelíferas", que medra en sitios húmedos.

BURGÁS (San Pantaleón de Cabanas)
Etimoloxía controversa.
Hai outro "Burgás" en Xermade, atestado en 1124 como "Sancta Eolalia de Burganes" (cf. E. Cal Pardo, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999), é interpretado por Bascuas como hidrónimo de orixe paleoeuropea, da forma *burga, derivada da raíz indoeuropea *bher- 'ferver, bulir'. Así, burganes indicaría unha zona de burgas, quer de auga quente ou de simple fervenza. Cf. p. 35 e 36 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.
Bascuas menciona tamén o topónimo "Burganes" en Zamora, que tería igual orixe.
Por outro lado, J. Piel deriva os topónimos Burganes, Burgás, Burgán, como derivados do apelativo "burgo", en canto que Bascuas considérao improbábel, dadas as razóns que indica para a indicada raíz *bher-.
Alternativamente, Miguel Costa derívao de *(uilla) Burgalanis, forma en xenitivo de Burgala, o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola),  nome de orixe xermánica. Cf. blog Frornarea. Porén, Bascuas tamén inclúe os topónimos atestados como Burgala Burgalanes como hidrónimos.
Cremos que, neste caso, pese a autoridade de Bascuas, se trata dun "nomen possessoris": de feito, é  interesante reparar en que tanto este Burgás como o de Xermade, como o de Chantada, os tres corresponden con entidades de poboación, e o mesmo ocorre con  "Burgánn" en Cambados e "Burgán" en Tordoia. Pola contra, non atopamos ningún "Burgás" ou "Burgáns" non correspondente con entidade de poboación. Tampouco ningún leva artigo, que indicaría un posíbel uso apelativo. Todo isto parece indicar que se tratan de "nomen possessoris", e por tanto reforzar a interpretación indicada de M. Costa.

CABALAR (Ourol)
O adxectivo "Cabalar" pode ser que refira a unha "(pedra) cabalar" ou cabaleira, unha pedra que monta sobre doutra (cf. E. Rivas, 1989. "Lingua galega, historia e fenomenoloxía"). Sería preciso confirmar ou descartar a existencia de tal penedo no lugar.
Alternativamente, pode tratarse dun zootopónimo, remitindo á presencia de cabalos, talvez selvaxes.
Nagúns casos, semella máis probable a alusión do adxectivo a unha"pena". Así, nas Somozas o Nomenclator rexistra "A Leira das Cabalares", e en Pobra de Trives "A Cabalar", ambos en femenino, polo que supoñemos que o nome destes topónimos elíptico foi "pedra" ou "pena". En Vigo (Po) atopamos un "A Cabalaria" e ao pé del "A Pedra Cabalaria", onde se conservou o suxeito, así como a forma culta.
Nas Pontes, nas Somozas, en Ortigueira e en Cerceda figuran igualmente outros"Cabalar", os catro igualmente entidades de poboación.

CABANDELAS (Ourol)
Forma en plural, diminutivo de "cabana", do latín capanna 'cabana'.  Inclúe o diminutivo antigo en -ela, que nos remite á súa antigüidade.

CABO DE VILA (Miñotos)
Lugar situado no "estremo da vila".

O CACHÓN (Miñotos)
Un "cachón" é sinónimo de fervenza, augas que caen en cascada.

A CADAVOSA (Merille)
Topónimo que refire a un lugar onde abundan os cádavos:"toxal queimado no que permanecen os cepos dos toxos en pé". O máis probable é que esta queima aluda a unha actividade de rozas. Cf. DdD.

O CAL DO VIAITEIRO
 (Ourol)
Un "cal" ou "cale" e a zona en forma de canal onde se xuntan dous montes na súa parte baixa.
Un "viaiteiro" é variante na pronunciación de "vieiteiro", o mesmo que "sabugueiro".

O CALVO (Miñotos)
Lugar con pouca vexetación. Tanto "calvo" como "calvelo", calvela e calveira refiren a lugares desprovistos de vexetación arbórea ou arbustiva.

A CAMBARETA (Ourol)
Termo derivado de "cámbara",  de orixe prerromana, e inclúe a raíz *camb- "curvo, combo" e os sufixos -ara  e -eta. O sufixo átono -ara está presente en palabras de orixe prerromana tales como gándara, Támara, etc.
O Nomenclator rexistra o topónimo "Cámbara" en Xove (en Xuances e en Portocelo).

O CAMPO DO PIÓN (Ourol)
Neste caso, "pión" ou "peón" posiblemente teña orixe no oficio do posesor deste campo.

CAMPÓN (varios)
OS CAMPÓS (Ourol)
Prado de secano de moita extensión. Cf. DdD.

A CAMPOSA (Ourol)
O termo "camposa" indica un campo grande e chan (cf. DdD).

O CANDEDO (Ourol - lugar do Candedo)
Garabullal, lugar onde hai "candos" ("garabullos", "guizos"). Cf. aquí. Cf. E. Rivas (2001).
En Galicia rexístranse outros topónimos relacionados:  Candaedo, Candaendo, a Canda, o Candal, Candaoso, Candaosa, etc. En Asturias, León e Zamora existen as formas correspondentes Cándano, Cándana, Candanal, etc.

O CANTIÑO GRANDE
 (Ourol)
O CANTIÑO PEQUENO (Ourol)
Forma en diminutivo de "canto".  O apelativo "canto" tén varias acepcións en galego; a que xeralmente encaixa na toponimia é a de  "recuncho", "lugar apartado", "saliente", "lado".  Isto é particularmente probable en topónimos como  "O canto do Pazo" (Cervo), "O  Canto da Vila" en Silán (Muras), ou "o Canto do Prado" no Burgo (Muras).

Hai quen lle dá a esta acepción de "canto" unha orixe celta, pero iso non é máis que unha posibilidade. Corominas asígnalle unha orixe no latín cantus 'llanta de metal', que tería unha orixe extranxeira, talvez céltica en relación co antigo bretón cant 'circo, aro'. No entanto, a partir da forma protoindoeuropea *kan-tho 'recuncho, extremo',  está presente en moitas linguas indoeuropeas, non só celtas, incluíndo o polaco kąt 'ángulo' (< protoeslavo kǫtъ), ou o lituano kampas.

Outra acepción que nalgúns casos podería encaixar é a de "pedra, pedra grande non tallada" presente tamén na maioría dos dicionarios de galego (cf. DdD). Corominas dá por case segura unha orixe céltica (cf. Corominas, DCECH, s.v. canto iii).

O topónimo  "Canto" é frecuente en Galiza, incluíndo os derivados Cantelo, Cantiño, Cantón.

AS CAPELAS (Ourol)
En xeral os topónimos "Capela" aluden ao significado transparente de ermida, pequena igrexa. Algunhas veces poderían ter unha acepción xeral de "capa pequena", aludindo á orografía cónica do terreo.
O feito de estar en plural non é significativo: moitas veces o topónimo muda para a forma en plural para referirse á multiplicidade dos terreos aos que alude o topónimo. Ou sexa, que de "A Capela" puido pasar a As (leiras) da Capela e deaí a As Capelas.

A CARCALLOSA (Ambosores)
Posiblemente rotacismo por "cascallosa", lugar onde abunda o cascallo ou pedregullo.

O CARRUSCO (O Sisto)
De orixe e significado incerto. O elemento pre-romano *carr- "pedra", existe en nomes como carracedo, carrasco, etc.
Por veces asóciase ao celta *karr- "escarpado" (cf. aquí).
O Nomenclator rexistra outro  "Carrusco" en Mosende (O Vicedo), e outro en Tramacastilla (Teruel), e un Carrusquiecho, provinte de "Carrusquezo", en Sallent (Huesca).

CASAL GRANDE, O (Ourol)
CASAL PEQUENO, O (Ourol)
A voz "casal" é transparente, e procede do latín casalis. Un casal designaba na Idade Media unha propiedade illada no campo, tanto a casa coma as dependencias auxiliares. Máis tarde pasou a referirse a un grupo de casas nunha aldea.

A CASILLA (Ourol -lugar de Requeixo)
O nome "casilla",  é un castelanismo por "caseta",  "garita". Este termo foi introducido a partir do século XIX para designar as vivendas destinadas aos camiñeiros, encargados da conservación das estradas.
Construídas en todas as estradas principais, as "casillas" foron postas en funcionamento coa Real Orde de 26 de febreiro de 1852. 
É un topónimo moi estendido en Galiza, e que, nalgúns dos casos,  parece indicar a existencia dun dolmen, "forno dos mouros".

CEBRÁN (O Sisto)
De (uilla) Ciprianiforma en xentivo de Ciprianus, referindo ao nome do antigo posesor da uilla medieval (granxa, explotación agrícola).

CERDIDO (Merille)
Lugar onde abundan as cerdeiras.

A CERNADA (O Sisto)
O termo "cernada" vén do latín (terra) cinerata 'terra queimada' (cf. DdD). Tería relación con sitios de monte onde se facían actividades de roza: facían borralladas ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.
Di Risco: "Nas terras de montaña, vese ao lonxe polo vrau arder o monte en moitos lados, dando de día un basto fume azul que vai empardecendo conforme sube, e véndose de noite as luces e o resprandor das flamas baixas, coma se estiveran acendendo braseiros eiquí e acolá. Ollando ao lonxe, as máis das veces é o fume o único que se move na calma azul da largancía" (cf. Vicente Risco, "Terra de Melide").

CERNADO (Ourol - lugar de Cernado)
De *(fondu) cineratu, "terra queimada". Ver "A CERNADA".

A CEREIXIÑA (Ambosores)
Este topónimo trátase posibelmente dun hidrónimo de orixe prerromana, tal como se explica de seguido.
Neste caso,  o termo "Cereixiña" non parece relacionado co nome común "cereixa", con pouco sentido para un topónimo.  En efecto, este topónimo foi incluído polo filólogo E. Bascuas no conxunto de topónimos "Cereixa" e "Cereixiña" con orixe nunha forma prerromana paleoeuropea, cun significado de "escuro", derivado dunha das raíces indoeuropeas *kei- 'cor' (xeralmente escura), ou *ker- 'de cor escura, suxo, gris'. Cf. p. 297 de E. Bascuas "Novos estudos de hidronimia paleoeuropea galega", 2014.
Existe tamén unha "Veiga da Cereixa" en Muras e unha "Fonte da Cereixa" en Xermade.
É interesante indicar que aparece un "CEREIJIÑAS" en San Pantaleón de Cabanas no dicionario de Madoz (Séc. XIX).

O CHAO DAS LAGOAS (Ourol -lugar de Requeixo)
Ver "A Lagoa".

O CHAO DAS MEDAS (Ourol)
"Meda" é unha morea de mollos de cereal segado, aínda que podería referir a "mámoa".
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) coa grafía "CHAO-DAS-MEDAS"

O CHAO DO XARAL (Ourol)
Un "xaral" son terras de "xabre" (terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito). 
Na comarca, existe tamén "xuxarrido", de "xarrido" en Bares e outro "Xaral" nas Negradas, en Landrove, etc. 
Os sufixos "-al" e "-ido" e "-edo", presentes respectivamente en xaral e xarrido, son abundanciais.

A CHAVE (Ourol)
Probabelmente relativo á forma do terreo en "L", de feito este é o termo para caracterizar, por analoxía, esta clase de terreos.
Analogamente en portugués "chave" denominaba un "recanto ou cotobelo que uma belga ou um terreno faz para algum dos lados" (cf. Elucidário). 

O COCHÓN (Ourol)
Pode significar "pedazo de terreo labradío de certa extensión". 
Tamén pode vir de alcume despectivo, aumentativo de "cocho" ("porco").
Aínda que máis improbable, pode ser unha deturpación de "cachón" (fervenza), aínda que descoñecemos o lugar.
Existen outros topónimos "Cochón" en lugares cercanos como Muras e Mañón.

O COMBARRO (Miñotos)
"Combarro" é unha palabra de orixe pre-romana (comb- + -arro), e significa "alpendre" en algunhas zonas. 
Combar significa "torcer", "encorvar".

A CONGOSTRA (Ourol)
Na toponimia galega abundan as "congostras", camiños angostos, entre valados ou ribazos, escavados no terreo, e estreitos, para paso de xente ou carros. Pode tamén ser sinónimo de "corgo", córrego. 
A palabra vén do latín congusta 'estreita'. CfDdD.

COSTELAS (Ourol)
O termo "costela" é un antigo diminutivo da palabra costa. Este diminutivo -ela, derivado do latín –ĕlla (feminino de –ĕllu), foi totalmente substituído en galego polo sufixo –iña, comezando xa esta substitución na Idade Media. Polo tanto, estes topónimos poderían ter  orixe medieval ou anterior, sendo en xeral anteriores aos correspondentes "Costiña".

COUCE (Ourol)

O COUCE DE PAREDES (O Sisto)
A voz "couce" ten múltiples acepcións. Nestes casos vén de calce 'calcañar', e designa por analoxía un "sitio de forma semicircular que remata en terraplén ou baixada pronunciada". 

CUFE (Xerdiz) 
Posiblemente de *(uilla) Qualulfi,  forma en xentivo de Qualulfusnome de orixe xermánica, referindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). Cf. M. Costa aquí.
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) con este mesmo nome.

A CURUXEIRA (Ourol)
Unha "curuxeira" designa, metaforicamente, un "lugar en sitio elevado e con penascos". Cf. DdD.

DÍAZ (San Pantaleón de Cabanas) 
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) co nome "DÍAS". Poderíamos pensar nun erro de transcrición, pero repítese varias veces, en canto que moitos outros topónimos baseados en apelidos veñen grafados coa terminación actual -z.
É un caso interesante e penso que a explicación é sinxela: ata non hai moito tempo, a pronuncia dos apelidos sería rematada en -s. De feito, polo menos na zona da Mariña, aínda hai quen lembra (lembramos) chamarlle a certas familias coa terminación en -s, tales como "Os Peres".

DORNAS (Bravos)
O termo "dorna" probablemente teña orixe paleoeuropea, e derive da raíz indoeuropea *dheu- "fluir", frecuente en  hidrónimos de orixe prerromana (cf. p. 52 de E. Bascuas "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega"). Estaría, por tanto, relacionado cos topónimos como río Doiro (< Durius).
Alternativamente, Xosé Ll. García indica para o correspondente termo  asturiano "duerna"  ‘artesa’,  "ha podido diversificarse semánticamente para aludir a terrenos más o menos envallados o aptos para recibir aguas". Cf. aquí.
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) con este mesmo nome.

O EITO DA FONTE (Ourol - lugar de Cernado)
Un "eito" é cada anaco en que se divide un terreo para traballalo. É partillado en sucos nun labradío, en canto que nun prado ou monte son os anacos que quedan  cando se sega a herba ou cortan os toxos ao ir e volver, ata concluír. Cf. DdD.

OS ENCANTOS (Ourol -lugar do Viso)
Segundo López Cuevillas, o "encanto", na mitoloxía popular galega, sería un ente misterioso con cualidades sobrenaturais que se converte en ser material. El sería o que garda os tesouros dos castros (cf. F. López, "Prehistoria de Melide", in "Terra de Melide". 1933 e 1978).
Recolle Xabier Moure, para o caso da "Pena Leirada" a lenda ".. hai un encanto por sete reinados, tempos irán e tempos virán que as patas das cabras os descubrirán".  Cf. blog O Noso Patrimonio.
Bouza Brey indica que
  “entre os diversos aspectos que presenta a crenza animista das augas, figura a que supón o poboamento destas por seres marabillosos, por xenios de carácter especial que na nosa terra acadan diferencias específicas. Nos nosos relatos tradicionais, cítanse en primeiro lugar os encantos que moran ademais de nas covas ou minas, nas fontes e nos ríos. Estes seres, no sentir dos nosos primitivos, son, en Galicia, homes e mulleres escravizados polo demo, que dispoñen de grandes tesouros, que andan moi ben portados e que non morren xamais; pero sempre están pensando na maneira de que os desencanten e os deixen, unha vez libres do poder demoníaco, vivir entre cristiáns.”

O termo "encanto" pode tamén remitir, alén dalgunha lenda, coa raíz céltica *kant- relacionada con "rocha, canto, borde", "beira de río con coios".

ERBELLÁS (Miñotos)
Plural de "erbellal", grafía alternativa de "ervellal", lugar onde abundan as ervellas (planta leguminosa trepadora).
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) como "ERVELLAS".

ESCOURIDO (Ourol)
Onde abunda a "escoura", posiblemente aludindo a pedra de cor do ferro.
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) con este nome.

AS ESQUEIRAS (San Pantaleón de Cabanas)
O mesmo que "escadas". Por veces "esqueira" refire a "escada rústica que se fai nos cómaros con pedras salientes ou pequenos foxos nos mesmos comareiros. Cf. DdD.
Con todo, este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) como "ESGUEIRAS", talvez por erro de transcrición.

A ESTOXADA (Ourol - lugar de Cernado)
Aínda que os dicionarios de galego non recollen "estoxar" coa acepción de "quitar o toxo", cremos plausible interpretar como un derivado de toxo, co  prefixo ex-, indicando aquí unha acción de extracción. Aludiría por tanto a unha finca que foi gañada ao monte.
Pensaos que é moi improbable, dado o contexto do topónimo, que teña relación coa acepción para "estoxar" de "aborrecer, anoxar", indicando un calificativo da terra ou un alcume de antiga propietaria. 
O Nomenclator rexistra outa Estoxada en Cariño, e mais unha "A Escanavada" en Muras e no Vicedo, que indican lugar ao que lle sacaron as canaveiras - tiña máis auga que A Estoxada.

A FERRAXOSA (Ambosores)
Do latín ferruginosa, aludindo ao carácter da auga dunha fonte ou nacencia de auga.
Alternativamente, podería aludir a un lugar onde abunda a "forraxe", ou axeitado para o seu cultivo. Así o interpreta Gonzalo Navaza (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

AS FIOSAS (Ourol)
O nome "fiosa" ou "feosa", o mesmo que  "feal", alude a un lugar onde abunda o "feo" (cast. heno). Ás veces aplícase a un prado (cf. DdD).
No entanto, tampouco podemos descartar totalmente a outra acepción de "Lugar resguardado, cerca das cimas" Cf. DdD.

A FLEIRA (Ourol)
Posiblemente de "feleira". O termo "feleira" ten varios significados (cf. DdD):
  • O fel, o saco do fel
  • Dano
FOLGOSO (Bravos)
De "felgoso", "lugar onde abundan os felgos".
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) con este nome.

FOLGOSELO (Xerdiz)
Diminutivo de  "folgoso".
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) transcrito (por erro) como "FOLGELO".

FONTE GRADA (Ourol)
Do latín fons granata 'fonte importante, abundante'. O adxectivo "grada" aínda existe no portugués con este senso. Cf. Priberam.
Nese mesmo senso, J. Piel interpretou este topónimo, como "contendo  o antigo adxectivo graado 'grande'" (cf. J. Piel, 1945. "As Águas na toponímina galego-portuguesa" in "Boletim de filologia"Tomo VIII).
Nicandro Ares decántase por unha orixe no latín fons grata, "fonte agradábel", aínda que non aporta raíces para rexeitar aquela etimoloxía (cf. N. Ares, 2011. "Estudos de toponimia galega". Vol I).
O mesmo topónimo en Torres Vedras (Portugal), así como en Vieiro coa grafía "Fontegrada".

FREIXEDAL (Ourol)
O termo "freixedal" indica un lugar onde abundan (terían abundado) as árbores chamadas "freixos".

AS FULGUEIRÁS (Ourol)
Plural de "fulgueiral", lugar onde abundan os felgos.

A FURADA DOS AMERILLÓS (Ourol)
O termo "Amerillós" é de significado e orixe incerta.
Podería vir dun termo paleoeuropeo relacionado co tema *am-ar-, da raíz indoeuropea *am- "canle", frecuente en hidrónimos. Estaría relacionado co topónimo Ameroce (Celanova), documentado en 955 como Ameroz Ameroci.

A GARITA (Bravos)
Este lugar, actualmente despoboado, aparece no dicionario de Madoz (séc. XIX) como "EURITA", erro de transcrición, moi probablemente por "Gurita" (pola contra, figura un "GARITA" en Xerdiz, o cal parece indicar que Gurita de Bravos non fose erro). O dicionario define "gorita" como sinónimo de garita, probablemente de aí veña o nome actual, ou ben de que se perdeu o apelativo "gurita" e tomou este nome por "etimoloxía popular".

Segundo Edelmiro Bascuas, os topónimos (A) Gurita, Gorita(s), Guritos, todos eles compartindo o sufixo tardolatino -ittu (do cal cabrito, forquita), teñen a orixe no tema paleoeuropeo *gur-, derivado da raíz indoeuropea *gwer- 'devorar, tragar'. Aínda que inicialmente esta raíz non fose específico da hidronimia, en moitas linguas acabou tomando acepcións dese carácter.

O GOIO (Xerdiz)
O termo "goio" significa "foxo", "furada", e tamén pode significar "poza no río" ("piago"). Cf. DRAG.

AS GORPILLEIRAS (Ourol)
De "golpilleira". A voz "golpilleira" designa un covil de golpes ("raposos").

O GRANDAL (Xerdiz)
O topónimo "Grandal" deriva de "gandaral", abundancia de "gándaras".
O termo "gándara" ten varias acepcións, todas relativas a terreo improdutivo, polo xeral chan.

GROMÁ (San Pantaleón de Cabanas) 
Posiblemente de "gromedoiros", de "gromar", agrumar, e que por tanto significaría "terreos fértiles, con plantas que agroman".
Cremos que a orixe máis probable é na base *borm- ’fonte, manancial’, dun indoeuropeo *bher- ’borbo­tar, ferver’ (anglosaxón beorma, latín fermentum ’formento, levadura’).
O paso de *bormana >grom sería equivalente ao de bromear > gromiar, broma>groma, e similar a volpe>golpe.
No entanto, E. Bascuas indicaba para "Gromejón" (afl. do Douro, Valladolid) unha orixe  distinta, na raíz indoeuropea *gwer- 'tragar', a través dun tema paleoeuropeo *garm-.  Cf. p. 318 de E. Bascuas, "Estudios de hidronimia paleoeuropea gallega". 
O Nomenclator rexistra un  "Gromedoiros" en Chavín posiblemente relacionado, así como un"Gormedoiros" en Cabanas.

OS ILLÓS (Ourol)
Un "illó" é un sitio pequeno onde brota auga, e é pantanoso (cf. DdD). Podería derivar do latín vulgar *oculiolu, ou tamén da raíz indoeuropea *wel- 'xirar', a mesma raíz que a do topónimo "Ulla".

A INSUA (Ourol)
AS INSUAS (Ourol)
Do latín insula. Refire xeralmente a un lugar aillado (total ou parcialmente) polas augas, xeralmente dun río. Nese contexto, por veces designa terras entre dous ríos.

A LAGOA (Bravos)
Do latin lacuna 'concavidade'. É interesante notar que, nese senso de "concavidade" que se alaga, o topónimo "lagoa" está moitas veces asociado a lagoas artificiais, por veces formadas no "cono de violación" de mámoas, escavadas xa desde tempos moi antigos na busca de tesouros.
As primeiras mencións destas construcións rexístranse na Idade Media : "per suis terminis ubi inueneritis lacos anticos et mamolas" (Tumbo de Celanova).

A LEBORADA (Merille)
Referido a lugar onde abundaban as lebres ou coellos.

LECÍN (Bravos)
De (uilla) Licinii,  forma en xentivo de Liciniusnome de orixe romanareferindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola).
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) como "LICIN".

LEBORÍN (Miñotos)
De (uilla) Leporiniforma en xentivo de Leporinusnome de orixe romana, documentado na alta Idade Mediareferindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola) altomedieval. Cf. aquí.
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) con este mesmo nome.

LEONTE (Miñotos)
De *(uilla) Leonti,  forma en xentivo de Leontiusnome de orixe romanareferindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). Cf. aquí.
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) como "LIONTE".

LOIBÁN (Merille)
Podería derivar de *(uilla) Lupiani,  forma en xentivo de Lupianusnome de orixe romanareferindo ao nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola).
Alternativamente, pode derivar da raíz prelatina *lup-/*lub-, relacionada con hidrónimos.
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) con este mesmo nome.

O LUDEIRO (Ourol)
O nome "ludeiro" é variante da pronunciación de "lodeiro", indicando unha lameira, un terreo con lama. Alternativamente, tamén dá nome á árbore chamada "lamigueiro", "lotus", 
Cf. DdDí.

O LUGAR DE LADRA (Ourol)
Podería referirse a "Lugar da Ladroa", dun alcume referido á posesora ou suceso ocorrido nese campo.
Porén, o topónimo "Ladra" é frecuente demais en Galiza para derivar sempre dunha "ladroa" que, se esa fose a orixe, sería un topónimo accidental e infrecuente.

Tendo en conta o anterior, sería axeitada unha orixe no tema prerromano *lat-r-, posiblemente céltico ou paleoeuropeo, derivado do proto-indoeuropeo *lat- 'pántano, lameiro, lama', o mesmo que ocorre no caso dos "río Ladra", documentados na Idade Media como Latera (cf. J.J. Moralejo. "Hidronimia prerromana de Gallaecia" in "Onomástica Galega II", 2008).
Outros topónimos cercanos similares son "Pena Ladra" na Balsa (Muras) e "Campo da Ladra" nas Ribeiras do Sor (Mañón). Tamén existe "Ladrido" en Ortigueira.

MACEDO (Ourol)
Lugar onde abundan as maceiras.
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) con este mesmo nome.

O MACHUCO (Miñotos)
Neste contexto, a acepción do termo "machuco" corresponde co latín marculum 'martelo pequeno', probablemente referido a un martelo hidráulico, movido pola forza do río (de feito, está nunha zona de prados). 
Podemos descartar a orixe nun diminutivo da palabra masculum 'persoa de xénero masculino' (macho), pois tería pouco encaixe nun topónimo.
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) como "MACHUCO".

AS MALATAS (Ourol)
O nome "malata" é sinónimo de "enferma de lepra". 
Porén, pode significar tamén "os colonos": previamente á introdución do termo "malata" existía o termo "malada", que significaba "colono", e talvez, ao perderse o significado de "malada" se mudase o nome para o novo termo coñecido.
Para máis detalle, ver blog Pena da Cataverna, a entrada de específica.

O MARCO (Ourol)
O nome "marco" refire a un lugar onde hai ou houbo un marco (pedra fincada no terreo, de límite territorial), posiblemente un marco medieval, un miliario ou incluso unha pedrafita ou menhir.

A MEÁ (Ourol)
Posiblemente de (uilla) mediana, 'vila do medio', situada equidistante a algo.
Cabeza Quiles tamén propón a interpretación de "(uilla) mediana" como "Vila de Medius", dun posesor chamado Medius, aínda que non o considera moi probábel.

O MELLOTE (Ourol)
Significado e orixe incertas. 
Talvez dunha raíz indoeuropea *mel- "aparecer, emerxer", frecuente nas distintas linguas derivadas, e que atinxiu nelas valores de tipo oronímico e hidronímico. Cf. aquí.  O sufixo -ote tamén parece reforzar esta hipótese prerromana.Alternativamemente, de (agru) Meliotti, dun posesor chamado Meliottus, aínda que o feito de levar artigo parece desbotar esta hipótese.

MERÁN (Ourol)
O MERÁN (Ourol - lugar de Cernado)
Posiblemente de "Monte merán", monte con "mera" 'néboa miúda'. A palabra "mera" é de orixe prerromana, dunha raíz *m'r- relacionada coa auga.
Alternativamente de *(mons) Mirani, de *Miranus, hipocorístico de Mira, nome de orixe xermánica. Cf. aquí.
Dada a relativa abundancia de "monte Merán" (por exemplo, en Galdo, no Vicedo, etc), cremos máis plausíbel a primeira hipótese, pois se fose o nome dun posesor non estaría maiormente restrinxida a orónimos senón tamén sería aplicada a agros e uillae.

MERILLE (Merille)
Podería derivar de *(uilla) Mirelli,  forma en xenitivo de Mirellus, nome de orixe xermánica, indicando o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola).
De feito, está atestado en 1124 como "sancta Eolalia de Mirel"  (cf. CDMACM = E. Cal Pardo, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999).
Segundo o profesor J. M. Piel, viría de *(uilla) Maiorelli, forma en xenitivo de Maiorellus'. Cf. aquí.
Alternativamente, Rosa Pedrero (1996) interprétao como relacionado coa raíz prerromana *mira, presente noutros topónimos como "Miranda". Cf. aquíNo entanto, a terminación "-ille" semella orixinada nun xenitivo de nome "possessor" medieval. Así, se consultamos as ocorrencias do topónimo "Merille" en Galiza (cf. aquí),  observamos que están asociados a núcleos de poboación, o cal parece reforzar esta interpretación.

No século XVIII atopamos a localidade xa atestada como "Merille" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

O MILLEIRO DE ABAIXO (Ourol - lugar do Milleiro)
Posiblemente "milleiro" indique "terreo milleiro", terreo bon para o cultivo do millo miúdo, que produce boas colleitas de millo. Sería o caso análogo ao  "terreo pataqueiro", aquel que rende boas colleitas de patacas. 
O "milleiro" defíneno os dicionaros como "pé de millo, planta de millo". 
Hai quen relaciona por veces "milleiro" co latín miliarium, porén, a non ser que houbese proba ao respecto, debemos asocialo ao significado máis común e, por tanto, máis probable: ao millo.
Ao ser, neste caso, un topónimo antigo, "millo" significaría "millo miúdo", que era o millo existente antigamente, antes de traer o millo de América.

MIÑOTOS (Miñotos)
Este nome de parroquia, figura atestado en 1124, nun documento en latín, como "sanctus Petrus de Miluis"  (cf. CDMACM = E. Cal Pardo, "Colección diplomática medieval do Arquivo da Catedral de Mondoñedo. Transcrición íntegra dos documentos". 1999). Este nome "Miluis" é o correspondente latino polo galego "miñato, buxato". Por tanto, xa daquela, o escriba asociou o topónimo coa ave, traducíndoo para o latín.
A interpretación máis común deste topónimo é, de feito, a de "lugar onde abundan os miñotos/miñatos/buxatos".En efecto, Joseph Piel, interpretou este topónimo "Miñotos" como  zootopónimo, onde abundan esta ave (cf. J. Piel, par. 26 de "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966). Igualmente Nicandro Ares (cf. páx. 97, n. 42 de Lucensia) ou J. J. Moralejo (cf. "Minius/Minho/Miño"), quen rexeitou explicitamente ligar etimoloxicamente este Miñotos co Miño, incluso rexeita asociar etimoloxicamente ao Miño para o afluente do Miño chamado "Miñotelo".

Alternativamente, tendo en conta o afluente do Miño chamado "Miñotelo",  e pese á autoridade dos anteriormente citados, tampouco se pode rexeitar que este topónimo tivese a orixe nun hidrónimo, talvez fose algún dos afluentes do Landro que pasan por Miñotos, tais como o actual Rego de Besteburiz (que nace no Xistral) ou o rego das Balsadas (que nace no Pau da Vella). Temos outros exemplos que apuntan nesta dirección, como o do lugar de "Miñoto", no concello da Pastoriza, en onde desemboca o río Madalena no Miño. Tamén atopamos un "Miortos" no Porto do Son.

Finalmente, tampouco se pode rexeitar categoricamente que estemos na presenza dun etnónimo, do mesmo modo que se atopan poboacións cos nomes Suegos/Suevos, Toldaos, Cumbraos, Astureses, etc. Así, referindo "Miñotos" referiría a repobladores procedentes da beira do río Miño, talvez da Terra Chá.

No 1528 aparece xa como "Miñotos" no "Censo de Pecheros". Igualmente no século XVIII figura como "Miñotos" (cf. "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

MONTE DA CASILLA (Ourol - lugar de Requeixo)
Ver "A Casilla".

MOSENDE (Ourol)
O termo "Mosende" deriva da forma en xenitivo dun antropónimo de orixe xermánica. Neste caso, o antropónimo exacto é complexo de dirimir por falta de documentación. Unha posíbel orixe sería de Manosindus.
Alternativamente, poderia ser Modesindus,  ModesendusMunesendus ou Monesendus,  aínda que ningún deles estea documentado. Cf. aquí.

O MUÍL (Ourol)
O nome desta entidade de poboación probablemente veña de (uilla) Modilli, forma en xentivo de Modillius, nome de orixe xermánica, referindo ao nome do antigo posidor da uilla (granxa, explotación agrícola).
A etimoloxía de Modillius estaría nas raíces xermánicas *mōdaz 'ira, raiba' e *heldjō 'batalla'.
Aínda que é estraño que teña artigo, o engadido do artigo puido ser recente, por falsa identificación con algún apelativo.
Vén no dicionario de Madoz (séc. XIX) como "MUIL", 

OUROL (Ourol)
De (uilla) Aurioliforma en xenitivo de Auriolus, indicando o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). O nome Auriolus está atestado en Galiza nos séculos X e XI.

O PALAIMO (Ourol - lugar do Viso)
Posiblemente referido a "pelamio", lugar onde houbo curtidorías de pel. Cf. F. Cabeza. "Os nomes de lugar".
Tamén pode vir referido a posesores que eran curtidores.
O primeiro "-a-" é debido á variabilidade articulatoria en galego das vocais átonas. Así, existe por exemplo, "Os Polaimos" en Mañón.

A PANDA (San Pantaleón de Cabanas)
Unha "panda" é un terreo combado ("pandado").

A PEDRA CHANTADA (Ourol)
Este topónimo, de significado transparente, o mesmo que "pedra fita" ou "parafita", podería indicar a antiga localización dun marco medieval ou incluso dun menhir.

PEDRAFITA (Miñotos)
Do latín Petra(m) Ficta(m), "pedra chantada", "pedra erecta", que indicaría a antiga existencia dun marco medieval, dun miliario romano ou dun menhir.

PENABADE (Ourol)
Orixe nun sintagma Pena Bade, ou Pena Abade, que remite ao nome do posesor. O antropónimo concreto é incerto. 
Unha hipótese sería Pinna Abbati, "pena do abade". Tamén podemos interpretar Abbati como nome personal, tal como propón J. Piel para o topónimo análogo "Vilabade". Cf. J. Piel. "Novissimas achegas à história da tradição antro-toponomástica mais antiga latina no noroeste galaico",  Verba 11.
Podemos relacionalo talvez co mesmo antropónimo que está detrás dos topónimos Cotobade: Nicandro Ares interpretou Cotobade como orixinado nun *Cottu Vati, remitindo ao antropónimo Vatis (Ares 2001:74). Porén, Gonzalo Navaza, en base á documentación medieval, na que aparece sempre con "b", pensa máis ben no antropónimo Batus (cf. G. Navaza, 2019. "Cotobade. Nin couto nin abade").

O PEREIRO (San Pantaleón de Cabanas)
Posiblemente do latín petrariu, "pedreiro".  
Alternativamente, podería vir de pirariu (árbore), aínda que parece máis probábel a primeira hipótese.

A PÍA VELLA (San Pantaleón de Cabanas - lugar de Arrexoá)
Neste caso, "pía" proviría de 'peza de pedra cóncava onde cae ou se bota auga'. 
Tamén se lles chama ás que hai nas igrexas para o batismo.

A PICHEIRA (San Pantaleón de Cabanas, Ourol)
AS PICHEIRAS (Ourol)
Coidamos que o significado é o de "cachón", "pequena fervenza". Así, existen en Galiza as fervenzas chamadas "A picheira da Seara" e "Picheira do Fócaro" en Quiroga, "A Picheira de Vieiros" en Ferramulín (Courel). 
Aínda que os dicionarios de galego non rexistran esta acepción, si rexistran "pincheira" e "ficheira" con esta acepción.
O nome "picheira" en portugués é o mesmo que "pichel", xarra para sacar o líquido das cubas de viño.
É preciso confirmar localmente a existencia de tal fervenza.

PIEGALBO (Xerdiz)
De "piago albo" ("piago branco"). Un "piago" ou "peago" é unha poza profunda de auga, xeralmente nun río.

O PISÓN (Ourol - lugar de Ourol)
Similar a "batán", máquina composta de grandes mazos que xiran para pisar os tecidos e darlles maior consistencia.

PORAMIGO (Xerdiz)
Probablemente orixinado nun composto de *Porto Amigo" O termo Amigo refire ao apelido ("cognome") dun antigo posesor, sendo un apelido relativamente frecuente na Galiza medieval.
En principio, podería igualmente interpretarse como "Pero Amigo", como nome dun antigo posesor. De feito, o profesor J. M. Piel sostivo esta hipótese, para este "Poramigo" específico de Ourol, e interpretouno como derivado de *Per'Amigo (<"Pedro Amigo"), e mencionando tamén a aldea de Peroamigo en Sevilla. Cf. p. 5 e ss., J. M. Piel "Os nomes germánicos na toponímia portuguesa" in "Boletim de filologia", Tomo XXVIII
Non sería preciso que fose o Peramigo de Sevilla:  este nome e apelido figuran atestados no medievo en Galiza: "Petro Amigo 1220, Petrum Amicum 1219 (Cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Atopamos tamén o microtopónimo "Paramigo" no concello de Cariño.

O PORCADO (Merille)
O PORCAO (Merille)
Indícame José Puentes que este lugar é en realidade "O Porcao", téndoselle mudado o nome nos anos 80 do pasado século polo IGN, pensando talvez que en Ourol tiñan os mesmos hábitos falando galego que en Madrid tiñan co castelán.
En efecto, no dicionario de Madoz figura como "PORCAO l. en la prov, de Lugo , ayunt. de Oról, felig. de Sta . Eulalia de Merille (V.). POBL. : 4 vec. , 20 almas".
Coincido con el na interpretación de que podería vir de "Porto Cao", aludindo a unha persoa apelidada Cao, apelido común nesta área. É máis, penso que a probabilidade de que esa sexa a orixe é moi alta, tal como comentamos de seguido.

O nome "cao", do latín canus 'branco', está atestado (aínda como "Cano") na onomástica medieval, xa existente como cognome na onomástica latina, e sería orixinado nun alcume, probablemente referido a "cabelo cao" ou á idade do posesor (cf. A. Boullón, 1999. "Antroponimia medieval galega (ss. VII-XII)").
Se analizamos a distribución do apelido Cao, penso que puido ter unha das orixes en Ourol, talvez neste núcleo de poboación: en efecto, o "gradiente" de frecuencias deste apelido apunta para este concello, o "foco aparente" está situado neste concello, o cal torna plausible que este concello sexa a orixe do apelido. Este dato reforza a interpretación de "Porto Cao".

Comenta José Puentes que por este núcleo de poboación pasaba un vello camiño real despois de cruzar o río Landro polo Gromedoiro. Esta situación de paso no antigo camiño real é outro dato clave e reforza aínda máis a orixe do topónimo nun "porto", tal como creo foi o caso de "Poramigo", que comento na correspondente entrada.

Para o significado de "Porto", ver os comentarios incluídos en "Poramigo"

POUPARIÑA (Ourol)
Este  núcleo de poboación comparte topónimo coas veciñas "A Poupariña" de Momán e das Pontes.
Tendo en conta o significado portugués de poupa 'bubela' (lat. 'upupa'), Joseph Piel, interpretou os topónimos "Poupa"  e "Poupariña" como nomes da "bubela", se ben non se mostra convencido (cf. J. Piel, par. 37 de "Über Tiernamen in der hispanischen, insbesondere portugiesischen Toponomastik I ". 1966).
Tal como escribeu Piel, "Ich lasse es bei dieser auswahl bewenden" ("déixoo na selección").

PUNTIGO (Ourol)
Variante na pronunciación de "pontigo", ponte pequena. O xénero masculino reforza aínda máis a idea de "pequena dimensión".

AS QUEIMELLAS (Ourol)
Diminutivo derivado de "queima", probablemente en relación coas actividades de cavar na roza: nas que facían borralladas, ao queimaren os toxos e outros arbustos, que servían de abono para logo plantar o cereal.

REBEIRÓS (Ourol)
Diminutivo de  "robeiro" ("carballo, aciña") ou de "ribeiro" ("río, encosta ao pé dun río, ribazo"). Aínda que a orografía apunte a "ribeiro", cremos máis probable a orixe en "robeiro", pola maior frecuencia de oscilación na pronuncia do -o- átono para -e- átono.

O REBOREDO (Merille)
O mesmo significado de “carballedo” ou “carballeira”, soamente que neste caso a orixe é no latín robur, "carballo", co sufixo abundancial –edo (do latín -etum), en canto “carballedo” vén de voz prerromana, xunto co mesmo sufixo abundancial romance.

A REGA (O Sisto)
AS REGAS (Ourol)
Unha "rega" é definida  como "angostura formada pola unión das faldas de duas montañas, que costuma ser cauce dun rego (cf. FDdD. Sería por tanto un "pequeno vale polo que discorre un rego."
É xeralmente admitida unha orixe pre-romana, dunha raíz "paleoeuropea" *rek-. Para unha análise etimolóxica ampla de "rego", cf. Edelmiro Bascuas aquí.

O REGO DAS VARAS (Xerdiz)
Cremos que neste caso "varas" non ten o significado común de 'pau longo e delgado', senón que podería estar relacionado co termo, posiblemente prerromano, presente en topónimos como "A Vara" en Xove, ou Baralla, ou tamén "Varela".

REGO DO ARO (Ourol)
Posiblemente o significado de "Aro" estea relacionado coa raíz hidronímica prerromana *ar-, presente en moitos ríos europeos, e en particular en moitos "rego de Aro" da comarca.
Ver a entrada específica de blog A Pena da Cataverna para máis detalles.

REQUEIXO (Ourol - lugar de Requeixo)
O dicionario define "requeixo" como "baixada dun monte en declive para un vale" (cfr. DdD), ou tamén lugar apartado, nun recanto. E. Rivas especifica que é a zona 'parte inferior do monte, ao pé do vale'. Cf. E. Rivas, "Natureza, Toponimia e fala". 2007. 
Segundo E. Bascuas , viría da forma prerromana *rek- presente en palabras como rego (con "e" aberto), e do sufixo -asio, presente en topónimos como "Arteixo". Cf. VERBA, 2000.

O REQUEIXIDO (Ourol)
Ver "O Requeixo".

REQUIÁN (Ourol)
De (uilla) Recchilaniforma en xenitivo de Recchila, indicando o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). Este nome é de orixe xermánica, aínda que de aí non se derive que o posesor fose de tal orixe.

O RETORNO (Ourol)
Os topónimos "Torno" e "Retorno" son de orixe prerromana, cun significado de "chorro de auga",  probablemente derivados da raíz hidronímica prerromana *ter- 'frotar, atravesar'.
Ver a entrada específica de blog A Pena da Cataverna para máis detalles.

A REVOLTA DAS LAREIRAS (Ourol)
O termo "revolta" refire unha curva de río ou camiño. Cf. DdD. Tamén ten esta acepción en portugués. Cf. Priberam

REXULFE (Xerdiz)
Posiblemente de (uilla) Ragiulfiforma en xenitivo de Ragiulfus, indicando o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). Este nome é de orixe xermánica, posiblemente formado polos temas *Ragin- 'conselleiro' e mais wulf 'lobo' (a raíz xermánica tamén podería ser *rigi- 'trebas').
Ver tamén "Besterrexulfe", que podería ter orixe no mesmo posesor medieval, ou polo menos noutra persoa do mesmo nome.
É importante notar que a orixe xermánica do nome non indica que o posesor fose desa orixe, xa que estes nomes foron populares na Idade Media.

É de notar que no século XIX figura atestado no dicionario de Madoz  como 
    "REJUFULFE: 1. en la prov. de Lugo , ayunt. de Orol, felig.de Santa Maria de Gerdiz (V.). PORL.: 43 vec , 52 almas. ". Probablemente se trate dun erro de transcrición. Se for real, deberíamos pensar nunha interpretación similar aínda que con distinta etimoloxía concreta.

RÍO LANDRO (Ourol)
Posiblemente do céltico *landa- "terreo cultivado" (cf. aquí). Hai quen o relaciona co apelativo "landra".

RÍO SOR (Varios)
Topónimo que ten orixe na hidronimia prerromana antigoeuropea. Ver a entrada de blog Pena da Cataverna.

SABUCEDO (Ourol)
Lugar onde abunda o "sabugo", tamén chamado 'vieiteiro'.

SANCHE (Bravos)
De (uilla) Sanctiiforma en xenitivo de Sanctius, indicando o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). Este nome é de orixe latina ou romance.

SANGUÑIDO 
(Xerdiz)
Lugar onde abundan os sanguiños, planta arbustiva propia de lugares húmidos; a súa casca, seca, era empregada de purgante e de remedio contra a sarna, en canto o froito era usado para a obtención de tinturas.

SANTAR (Ambosores)
De (uilla) Sentariiforma en xenitivo de Sentarius, indicando o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). Este nome é de orixe xermánica, aínda que non se derive que o posesor fose de tal orixe.

SEBRÁN (O Sisto)
De (uilla) Severiani,  forma en xenitivo de Severianus, indicando o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). Este nome é de orixe romana, aínda que non se derive que o posesor fose de tal orixe.

A SENRA (Merille)
Unha "senra" ou "seara" é unha ‘sementeira de cereal’, un campo cultivado. É de orixe prerromana, derivada da forma pre-céltica sénara.

SILVIDE (Xerdiz)
SILVOSO (O Sisto)
Os termos "Silvido", "Silvide", ""Silvoso" aluden a un lugar onde abundan as silvas. 

O SISTO (O Sisto)
Os topónimos Sisto, Sistelo, Sistelín e similares derivan con moita probilidade do latín sistere ‘colocar, establecer’, e terían un significado de "corte para o gando", en relación a lugares de pasto. 

Podemos descartar a interpretación tradicional como referencia a un antropónimo, tal como o latino Sextus ou Sixtus:dada a gran frecuencia dos topónimos  "Sisto", "Sistelos",  "Sistelo", "Sistelín" é totalmente improbable que se dese tal frecuencia de lugares con nome de tal posesor para un nome "Sistus" tan pouco atestado.
Por outra banda, García Arias interpreta os asturianos "Sesto" e "Sestelo" como que "parece" posible a orixe en sextellus, relativo ao reparto de terras a sextos (cf. aquí). Desta opinión foi tamén Isidoro Millán , que indica que estes repartos ocorrerían na época sueva. Cf. I. Millán, "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987 Porén, a evolución de "sextu" para "sisto", coa palatalización do "e" en "i", sería tal anomalía na evolución do galego que semella rexeitable. 

Como curiosidade, indicar que, de ser certa a interpretación de "corte para o gado", tería un significado análogo ao asignado para o topónimos "Busto", "Bustelo".

O SOBRADO (Ourol - lugar do Sobrado)
O apelativo "sobrado" refire no galego actual ao "piso superior dunha casa" ou "pavimento de madeira". 
Na toponimia alude á existencia dunha (casa de) sobrado, ou sexa, de dous pisos.
Xaime Varela, analiza este termo no seu estudo da documentación medieval galega, concluíndo que se refire a un tipo de construción enteira, caracterizada por posuír dous pisos, en oposición ás "casas terreas" que soamente posúen un (cf. X. Varela, 2008, "Léxico cotián na alta Idade Media de Galicia: a arquitectura civil"). 

Igualmente, vemos que no norte de Portugal tiña o mesmo uso, inclusive no S. XVI, diferenciando "casas de sobrado" son diferenciadas coas "casas terreiras", dun só piso:

Como exemplo, na documentación antiga do norte portugués atopamos textos como:
 *  "Item huma caza de sobrado telhada com sua varanda pera o poente  .."
 *  "Item huma caza de sobrado colmassa .."
 (cf. Tombo da Igrexa de S. Miguel de Lousada de 1542)
Xa J. Piel interpretara "sobrado" dun modo similar, aínda que coa diferencia de a ver como casa de certo lustre, "residencia máis ou menos fidalgas", pertencente á mesma categoría de "pazo" (<palatium) e sa (<sala). Cf. J. Piel, "Sobrado. Perfil histórico de uma palavra". 1953).
Tradicionalmente  é interpretado como derivado de superatum, ou superadditum 'engadido por riba', no sentido de 'sitio alto, eminente, que sobresae'. Así, I. Millán defíneo como "terra alta, elevación dominante" (cf. I. Millán. "Toponimia del concejo de Pontedeume y cartas reales de su puebla y alfoz". 1987).
Tanto Piel como outros autores rexeitan interpretacións como a de provir de suberatum, tendo en conta a forma en que figuran na atestación medieval.
É un topónimo frecuente en todo o contorno, presente en Ourol, Viveiro, Xove, Foz, etc.

SUASUCHEIRAS (Ourol)
Composto por "Su-as-ucheiras", debaixo de "As Ucheiras". Ver "As Ucheiras".

O TARANCO (Ourol)
O termo "taranco" é de orixe prerromana, posiblemente céltica  (cf. aquí), e inclúe os elementos *tar- "altura" e *-anc-, locativo. Tería, portanto, orixinariamente un significado de "lugar situado no alto".

TEIXIDO (Ourol)
Este topónimo alude a un lugar no que abundan as árbores chamadas "teixos (do latín taxu).

TIÑADE (Bravos)
Posiblemente de orixe paleoeuropea (pre-céltica), cun significado similar a "lama, lodo".
E. Bascuas estuda este topónimo relacionándoo coa base paleoeuropea *tin-, derivada da raíz indoeuropea *ta- 'derreterse, fluír', de carácter hidronímico, presente en múltiples topónimos. Proviría, segundo Bascuas, dunha forma *Tiniatum > *Tiñado > Tiñade. Cf. p. 105 de E. Bascuas "Hidronimia y léxico de origen paleoeuropeo en Galicia". 2006.

A TORRE (San Pantaleón de Cabanas)
O termo "torre" nestes topónimos xeralmente non se refire estritamente a torres, senón a casas fidalgas ou a casas grandes, de labradores ricos.

O TROBO (Bravos)
O dicionario define "trobo" como "colmea, tronco oco de árbore".  Cf. DdD. 
Xeralmente refírese á colmea feita de cortiza ou do tronco de árbore.
Con todo, os dicionarios recollen tamén acepcións relacionadas máis xerais, como ‘oquedade’ ou ‘concavidade’, o cal tamén podería encaixar no caso dun topónimo.
A súa etimoloxía é prerromana, dunha forma *trobanu. Así Bascuas relacionouno coa raíz indoeuropea *treb- ‘construción de madeira’, vivenda’, da mesma raíz que no latín trabs ‘trabe’, o irlandés medieval treb ‘casa’ e antigo galés treb ‘vivenda’.
É un topónimo con certa presencia na provincia de Lugo, en Barreiros, na Fonsagrada, Ourol, Vilalba, Abadín. Atopamos tamén Os Trobos en Cospeito, así como El Trobo nos concellos Eonaviegos de Castropol e a Veiga.

TUÍLLE (Bravos)
De (uilla) Theodiscliforma en xenitivo de Theodisclus, indicando o nome do antigo posesor da uilla ("granxa, explotación agrícola). Este nome é de orixe xermánica, aínda que non se derive que o posesor fose de tal orixe.

AS UCHEIRAS (Ourol)
As "ucheiras" son as pedras do forno. Ucheira viría do latín ustulare 'queimar, arder', polo que tamén podemos pensar nunha interpretación máis xeral de "lugar que ardeu" ou similar.
Talvez o topónimo estea referido aos esteos (pedras laterais) dun dolmen, por veces tamén referido como furna ou "furna dos mouros".
Existe a parroquia de "Ucheiras" en Muras.

O UZAL (Ourol - lugar do Viso)
Topónimo transparente, que alude a un lugar poboado de uces.

O VEDRO (Ourol - lugar do Candedo)
OS VEDROS (Ourol)
Xeralmente, "vedro" proviría do latín veterum ''vello'. Outra alternativa é significando o "monte de rozas", que se cava para cultivalo con trigo ou centeo.
Non podemos descartar tampouco que nalgún caso proveña do latín blitum, a planta Amaranthus blitum, chamada "bredo" ou "bedro". Nótese que, neste caso, vedro tería unha pronuncia con "e pechado". En efecto,  Navaza recólleo na súa obra de fitotoponimia, indicando igualmente a imposibilidade en xeral de distinguir as diferentes acepcións (cf. G. Navaza, "Fitotoponimia galega". 2006).

A VERDELLA (Ourol -lugar de Requeixo)
Posiblemente de "a (terra) verdella", terra de cor que tira a verde.

VIGO (Miñotos)
Topónimo frecuente en Galiza. Deriva do latín uicus 'aldea'. 

O VILAR (Merille)
O termo "vilar" inicialmente indicaba unha explotación agraria situada na estremeira dunha uilla, da cal se vai progresivamente escindindo ou esguizando ata adquirir entidade propia" (Cf. p. 221 de C. Baliñas. "Do mito á realidade: a definición social e territorial de Galicia na Alta Idade Media (séculos VIII e IX)").
É moi probábel que na orixe de moitos dos topónimos baseados en "vilar" ou derivados proveñan de significados de carácter máis ben agronímico, máis que de núcleos habitados.
Porén, na actualidade, os dicionarios refiren a un "casarío", "aldea pequena, lugar pequeno", se ben tamén recollen o termo como "conxunto de terras a labradío, cercadas ou pertencentes a varios donos". Elixio Rivas rexistra en Vilalba a acepción "Conjunto de fincas que siguen los mismos cultivos, polígono de labradíos", e F. J. Rodríguez nesa mesma zona: "heredad grande, que descansa y se aplica a centeno [...], de varios partícipes". Unha acepción de L. Carré foi "Campo en barbeito ou restreva despois de recollido o froito".
Cf. DdD.

VILABUÍN (Miñotos)
De (uilla) Avolini,   forma en xenitivo de Avolinus, indicando o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola)O nome Avolinus é moi probablemente un derivado do latín Auus (avó). No entanto, Boullón Agrelo ten suxirido unha posíbel relación co galicismo (ou catalanismo) avol 'malo, vil, ruín, cativo'.

VILADÓNIGA (Ourol)
Derivaría do sintagma vila-dóniga, do latín uilla dominica 'vila "dominicada", vila do señor'.
Almeida Fernandes, en base a múltiplos exemplos documentais medievais galegos e do norte de Portugal, interpreta as formas dónega e dónego (coas variantes dóniga/dónigo, donga), como indicativos dun estado da propiedade que se consideraba  «terra domnica». Cando estas terras eran adquiridas, mantiñan unha reserva señorial, considerada a «ratio domnico». Nas súas propias palabras:
      Esses numerosos casos toponímicos exemplificam, pois, a existência de um estado da propriedade que se considerava, e certamente mesmo se denominava, «terra domnica» (1071, DC 497), cuja origem, pelo menos em muitos casos, pode estar numa fração de livranças novas em terras dominiais por solarengos, que as adquiriam com uma reserva senhorial, considerada a «ratio domnico» (1034, DC 274). E essa fração, conforme o tipo do prédio, tomaria designações específicas: o casal e o agro, a «villa» e a «quintã», «valle», bem como os acidentes de prédios – a leira, a várzea, a vinha, o souto, o paul, o pomar, o pomeiro, o talho, a entrada, e ainda o suco, a fonte, a eira, o valo, e mesmo o paço ou a «pena». Todos eles dominicatos e por isso denominados domnicos (cf. A. Fernandes, 1981. "A Nobreza na Época Vimarano-portugalense").

Na mesma obra, Fernandes postula que a fixación dos topónimos Dónigo/Dónego aconteceu nos séculos IX a XI, en base á súa existencia en Portugal na zona correspondente á extensión da conquista cristiá nesas alturas.

É importante remarcar que dóniga/dónega (e tamén coa forma "donga") non indicaban a "pertenza a unha dona" como teñen interpretado algúns autores, senón que funcionaban como meros adxectivos concordantes co nome. Así, no topónimo galego "Casasdónigas", "dónigas" concorda en xénero e número con "casas", non indica tampouco que pertenzan as casas a "donas", senón que son casas "domnicadas", casas "do señor". 

Tamén é bon reparar que Almeida Fernandes diferencia entre dónego/a e donego/a, onde o termo "dónego/a" refire a predios con certa ligazón co "domnium" (señor), en canto "donego/a" chegaría a ser usado nos finais da Idade Media como sinónimo de ‘vilán ennobrecido’. En efecto, menciona numerosos topónimos medievais nos que donegos alude a unha finca cuxos propietarios pertencen ao escalón inferior da nobreza: senra domnica (963), palacio domingo (1013), ratio donniga (1032), terra domnica (1071), larea doniga (570), pomar donego (1258), etc (cf. p. 247 e p. 449, A. Almeida, 1999. "Toponímia portuguesa. Exame a um Dicionário".

VILALVERDE (Xerdiz)
Posiblemente de uillare Viridi, forma en xenitivo de Viridius, o nome dun antigo posesor do uillare.
Tampouco podemos descartar que corresponda simplemente co composto "Vilar Verde", adxectivando a cor do lugar.

VILARES (Merille)
Ver "O VILAR".

VILATÁN (Ourol)
De (uilla) Athaniforma en xenitivo de Athanus, indicando o nome do antigo posesor da uilla (granxa, explotación agrícola). Este nome é de orixe xermánica, aínda que de aí non se derive que o posesor fose de tal orixe, pois eran nomes "de moda" na alta Idade Media.

O VISO (Ourol)
O termo "viso" alude a un "sitio alto, sitio elevado", con boa visibilidade. Cf. DdD

XANCEDA (Ourol)
Probablemente do latín saliceta, aludindo a un lugar no cal abundan os salgueiros.

O XASTAL (Ourol)
Variante na pronunciación de "xestal", lugar onde abundan as xestas.

XERALEIRA (Ourol)
Variante na pronunciación de "xaraleira", o mesmo que "xaral", terras de "xabre" (unha terra areosa dura, xeralmente formada pola descomposición do granito). Na comarca, existe tamén en Bares "xuxarrido", de "su xarrido"  e outro "Xaral" nas Negradas, en Landrove, etc.

XERDIZ (Xerdiz) 
Derivado de (uilla) Seserici, forma en xenitivo de Sesericus aludindo ao antigo posesor da uilla (granxa,  explotación agrícola, casal). Este nome é de orixe xermánica, aínda que de aí non se derive que o posesor fose de tal orixe, pois eran nomes "de moda" na alta Idade Media.

Está atestado como "Seserit" nun documento do século XII (cf. Flórez, "España Sagrada" aquí. Esta grafía con final en "-t" indicaría a pronuncia medieval que deu na actualidade a pronuncia "-z").
A evolución fonética de /sezerits/ > /xerdiz/ non presenta maiores problemas en galego, tal como aconteceu con cerzido > cerdido, a sibilante sonora /z/ pasou a /d/ por disimilación coa sibiliante de comezo de palabra. A palatización da sibilante inicial tampouco presenta maior problema na fonética galega.
Está atestada tamén a forma intermedia "Xederiz" no "Censo de Pecheros" de 1528, e sobre o 1591 xa é transcrito como Xerdiz. Sobre o 1631 figura como "Jerdis", no "Censo de la Sal" de 1631.
En 1703 xa figura como "Gerdiz" nun documento da Chancelería de Valladolid (cf Biblioteca Galiciana). Igualmente nos finales do século atopámolo atestado como "Gerdíz" (cf. aquí "Nomenclator o Diccionario de las ciudades, villas, lugares, aldeas, granjas, cotos redondos, cortijos...", 1789).

XESTIDO (Miñotos)
O topónimo é transparente, facendo referencia a un lugar no que abundan as xestas.
Este lugar aparece no dicionario de Madoz (Séc. XIX) con este nome.